Igadi na Rede / Presenza-Opinión - México: a outra cara da guerra antinarcóticos
 
 
México: a outra cara da guerra antinarcóticos
Roberto Mansilla (Xornal de Galicia - Mirada Global, 11/03/2010)
 
 

De visita en Galicia, o activista mexicano de dereitos humanos Daniel Luna Alcántara, da Fronte Nacional pola Loita ao Socialismo (FNSL) denunciaba o constante acoso das autoridades mexicanas cara os sectores críticos contra a militarización establecida pola estratexia antinarcóticos do presidente Felipe Calderón.

Ante o rebrote da represión e das violacións dos dereitos humanos en México, estas denuncias sinalan unha política de “criminalización oficial” dos movementos sociais, baixo acusacións de promover a loita armada. O pasado 8 de marzo, México foi examinado ante o Comité de Dereitos Humanos da ONU pola súa xestión nesta materia, no marco dunha delicada conxuntura que está provocando unha vaga de denuncias a nivel internacional por parte de diversas ONGs e movementos sociais.

Estas denuncias de represión dos dereitos humanos en México contradín abertamente o claro respaldo político e mediático a nivel nacional e internacional, da estratexia antinarcóticos de Calderón. Diversas ONGs e movementos cívicos informan que, segundo estatísticas oficiais, unhas 17.000 persoas morreron nese país desde que en 2007, o presidente Calderón comezara a militarizar a loita antinarcóticos.

Moitos deses mortos foron activistas sociais, sindicalistas, xornalistas e líderes indíxenas e campesiños, nunha estratexia con aparente impunidade oficial que se afonda máis represiva e alarmante nos estados do centro e norte mexicanos, como Baixa California, Chihuahua ou Sinaloa. A nivel nacional, diversos activistas asasinados ou desaparecidos pertencen a movementos sociais opostos, por exemplo, aos procesos de penetración das multinacionais foráneas para explotar os recursos mineiros, por exemplo, no estado de Chiapas.

Igualmente, a aberta penetración dos carteis da droga en todos os niveis de poder público e institucional, da a entender outra visión da loita antinarcóticos, non exactamente dirimida nunha confrontación entre o Estado mexicano e os carteis do narcotráfico. Segundo denuncian diversas ONGs, a corrupción e implicación dos tentáculos destes carteis nas estruturas políticas e  administrativas mexicanas salienta, practicamente, unha especie de “guerra total” dos carteis por controlar os resortes do poder estatal.

Nestas circunstancias, México acude ao exame da ONU nunha conxuntura absolutamente delicada e alarmante en materia de dereitos humanos. No aspecto político, e de cara aos comicios presidenciais de 2012, onde as perspectivas anuncian un retorno do PRI ao poder, existen escasas expectativas entre os movementos sociais sobre a atención ás súas demandas de maior respecto aos dereitos humanos.

 

Roberto Mansilla Blanco, analista do Igadi.

 
 
 
12/03/2010 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org
http://www.igadi.org/artigos/2010/rm_mexico_a_outra_cara_da_guerra.htm