| Igadi na Rede / Presenza-Opinión - Crise e violencia en Tailandia |
| Crise e violencia en Tailandia Adrián Moreno Cidrás (igadi.org, 15/04/2010) |
A sanguenta represión militar ameaza seriamente con radicalizar a prolongada crise política tailandesa. Tras varias semanas de paralización da normalidade na capital, Bangkok, que deu paso á declaración do “estado de emerxencia”, e en vista do fracaso (quizais intencionado) das negociacións entre o Primeiro Ministro Abhisit Vejjajiva e a oposición liderada polos denominados “camisas vermellas”, a violencia fixo presenza o pasado 10 de abril, cunha brutal represión por parte das forzas militares que deixaron ata o momento 22 mortos e máis de 850 feridos. Para entender as claves da crise tailandesa, débense considerar as protestas dos “camisas vermellas”, que demandan a disolución inmediata do Parlamento, pois consideran que os seus membros foron elixidos de xeito ilexítimo e “non democrático”. Paralelamente, as intencións dos militares, seguindo directrices do Executivo, eran as de levar as concentracións dos manifestantes aos lugares iniciais permitidos polo gabinete gobernamental. De feito, unha das escusas determinantes que deu o goberno para botar man da brutal represión foi que, presuntamente, os manifestantes saíronse dos radios acordados dende o principio e, polo tanto, o movemento comezara a tomar tentes de “ilegalidade”. Sábese que o goberno quería evitar a mesma situación á que se chegou en 2009 arredor das mesmas datas, nas que tamén rexistráronse mortos chegándose incluso a cancelar un cumio da ANSEA na localidade tailandesa de Pattaia, debido a irrupción dos “camisas vermellas” no hotel onde se celebraba o encontro internacional. Para paralizar o avance das protestas, que acadaron puntos neurálxicos de Bangkok como o Monumento da Victoria, considerado o centro mesmo do territorio tailandés, as tropas actuaron cunha extralimitada demostración de forza, coa presenza de soldados ben armados e bloqueo das canles de comunicación dos disidentes alegando que alentaban á violencia ademais da contestación ás institucións oficiais, lanzamento de gases lacrimóxenos e pelotas de goma en aras de lograr o retroceso dos manifestantes. Os manifestantes avaliaron a represión como un “suxo” movemento por parte do goberno, pois foi conducida tan só uns días antes do comezo do Festival de Sonkran, as festas mais importantes de Tailandia, cando as persoas aproveitan para volver ás súas casas a reunírense coas súas familias, ir aos templos, e divertirse lanzándose auga na rúa. O goberno quería rematar con esta situación dunha vez por todas. Ante a inminencia do festival de Sonkran, o goberno considerou que sería máis doado dobregar aos manifestantes, os cales estarían diminuídos en número. Porén, o que conseguiu foi enfurecer aínda máis aos participantes. Debido ao desgaste e o remate dos subministros financeiros, os involucrados desexaban rematar canto antes. Os acontecementos da semana pasada foron probablemente o comezo do final das mobilizacións deste ano, que parecen cada vez máis crónicas coincidindo coas mesmas datas após o golpe de Estado de 2006, e que poden anunciar a radicalización da crise política tailandesa. A crónica da violencia O pasado sábado 10 de abril, os disturbios nas rúas acadaron as portas de Khao san road, a rúa mais famosa para os turistas que visitan Bangkok. Deste modo, numerosos visitantes, moitos deles occidentais, presenciaron os sucesos, impulsados polo morbo da situación, a curiosidade, ou tan só a necesidade de ser observadores do acontecido. Sobre as 20 horas, a zona parecía estar tomada polas tropas militares, que tentaban establecer a orde nas rúas adxacentes, principalmente as que desembocan no Monumento á Democracia, considerada o lugar base dos disidentes, preto do edificio de conferencias da ONU. Atraídos por berros e megáfonos que proclamaban discursos políticos, unha trintena de turistas acercáronse ata ese lugar, que parecía unha zona segura debido á presenza militar. Non obstante, tan só a cen metros de alí os soldados arrexuntábanse coas súas porras para forzar a retirada dos “camisas vermellas”. Tras estourar unha bomba, e coas ambulancias trasladando aos feridos, algúns efectivos militares e policiais comezaron a facer indicacións cara os turistas, a fin de apartalos dun lugar considerado inseguro. A poucos metros da zona, a situación parecía complicada ante a masiva presenza de turistas atrapados nunha serie de situacións violentas, con helicópteros sobrevoando a cidade, as fortes protestas dos “camisas vermellas” e as bombas e disparos de escopetas e metralletas, presuntamente ao aire. É sabido que algunhas desas balas foron parar a once dos máis de vinte mortos. Os forenses que realizaron a autopsia afirmaron que os proxectís son os habituais dun tipo de arma empregada exclusivamente por unha unidade especial do Exército e que, polo tanto, foron disparados de forma indiscriminada. Un total de 17 dos 22 mortos eran civís, por só catro soldados. É posible unha guerra civil? O éxito rotundo que ambicionaba amosar o Estado en vista do masivo abandono que se esperaba no Festival de Sonkran por parte dos manifestantes, trucóuselle nunha sanguenta batalla nas rúas de Bangkok, após do éxito que tiveron os líderes dos “camisas vermellas” en convencer aos cidadáns para regresar á capital cando estaban marchando ás súas casas para celebrar as festas de Sonkran. Xornais como o Bangkok Post reportaron que os rectores das principais universidades da capital reuníronse en aras de elaborar un comunicado alertando do perigo de chegar a unha guerra civil no caso de que as negociacións sigan atoradas ou no caso de que a escalada de violencia non cesara. O goberno semella estar contra as cordas debido á mala imaxe do país xerada no exterior, nos grupos de presión do sector turístico e financeiro e nalgunhas institucións relevantes do Estado, como a Comisión Electoral tailandesa, que recomendou esta semana a disolución do Partido Demócrata, do que provén o propio primeiro ministro Abhisit, por recibir presuntamente mais fondos dos permitidos. Para radicalizar aínda máis o escenario, o propio Xefe do Exército insinuou tamén esta semana que a crise dará acabado coa disolución do Parlamento. Ademais, diversas enquisas aseguran que un de cada tres habitantes de Bangkok secundan as demandas dos protestantes. Finalmente, Abhisit accedeu en ofrecerlles aos “camisas vermellas” a disolución en seis meses da Cámara de Deputados. Non obstante, os protestantes non advirten garantías nesta medida, e continúan esixindo a disolución inmediata do Parlamento antes de desactivar as protestas e mobilizacións. |
| Adrián Moreno Cidrás, é Licenciado en Políticas pola USC e colaborador do IGADI. Actualmente reside en Tailandia |
| 15/04/2010 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org |
| http://www.igadi.org/artigos/2010/amc_crise_e_violencia_en_tailandia.htm |