| Igadi na Rede / Presenza-Opinión - Escocia e a “axenda de respecto” de David Cameron |
| Escocia e a “axenda de respecto” de David Cameron Ánxelo González Vicente(A Nosa Terra, 03/06/2010) |
A idea é que as relacións vaian o suficientemente ben como para que as autoridades autónomas axuden á coalición gobernamental conservadora-liberaldemocrata a executar un severo corte do gasto público nos próximos anos, tentando ademais evitar que este e o inevitable malestar que del se derivará veñan a ser utilizados como argumento-forza polos sectores independentistas. A primeira das tres visitas producíase a Escocia, onde os conservadores non contan con boa prensa e onde nas pasadas eleccións de maio apenas foron capaces de atinxir 1 asento de 59. A isto ha de engadirse que é gobernada por un partido independentista que pretende someter a causa da secesión a referendum e que existe o temor, fundado, de que o actual goberno central liderado por conservadores evoque aquel da Dama de Ferro, de infame memoria para a nación do norte. Era, pois, lóxico e intelixente que David Cameron outorgase ao caso escocés unha atención preferente. Con todo, se pretendía gañar, aínda que fose un pouco, o corazón do país máis septentrional do Reino Unido, debía levar algunha cousa debaixo do brazo. E así era: ofrecía poder atrasar o corte do gasto público até 2011 no territorio escocés, garantía unha parte dos beneficios derivados da extracción de petróleo no mar de Escocia e comprometíase a implementar as recomendacións de maior autonomía recollidas no relatorio da Comisión Calman, incluíndo as referidas á fiscalidade. Nunha altura en que se espera que Alex Salmond presente, en breve, o seu proxecto de lei para a convocatoria do referendum de independencia, cabe agora preguntarse se as consecuencias dos ofrecementos de David Cameron irán ser as esperadas ou todo o contrario. Dun lado, o atraso da implementación do corte do gasto público foi ofrecido, ademais de a Escocia, a Gales e Irlanda do Norte, tendo isto causado un comprensible malestar nas nacións inglesa e córnica, que teñen a sensación de que van soportar en solitario os rigores da crise económica internacional. Provoca isto un resentimento que, no caso escocés, vén sumarse á idea amplamente estendida de que Escocia conta con mellores servizos públicos dos que se pode permitir grazas a que llos pagan os ingleses.
|
|
Ánxelo González Vicente, vicedirector do Igadi. |
| 31/05/2010 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org |
| http://www.igadi.org/artigos/2010/agv_escocia_e_a_axenda_de_respecto.htm |