Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Asia/ Asia
Xapón e Corea do Sur: os cimentos da solidariedade asiática
Masashi Oki (igadi.org, 16/08/2010)

Versión para imprimir

 

O 22 de agosto de 2010 conmemorarase o centenario da anexión de Corea por parte de Xapón. Previo a esta data, o primeiro ministro de Xapón, Naoto Kan, realizou o que se denomina un “comentario oficioso do primeiro ministro” (Shusho Danwa), presentando escusas a Corea do Sur polos estragos e dores causadas polo dominio colonial xaponés. Aínda que Xapón emitiu outras Shusho Danwa no pasado, en relación ás súas desculpas polo seu dominio imperial nos países asiáticos, o anterior constitúe o primeiro comentario realizado por un primeiro ministro xaponés con respecto a Corea do Sur.

O Shusho Danwa é unha opinión oficiosa sobre un tema moi importante para a política estatal, determinada a través da reunión do gabinete e asinada por todos os ministros. O máis soado foi o comentario presentado polo partido Murayama (Partido Socialista de Xapón) ocorrido en 1995, durante o 50º aniversario da finalización da II Guerra Mundial. No mesmo, ofrecéronse escusas aos países asiáticos, unha posición que foi referente para os sucesivos gobernos xaponeses. Ao cabo de dez anos, o Shusho Danwa anunciado en 2005 polo entón primeiro ministro xaponés Junichiro Koizumi (Partido Liberal Democrático, PLD) tamén reforzou a opinión publicada polo partido Murayama.

Desta vez, o Shusho Danwa do primeiro ministro Naoto Kan centrou a súa atención en Corea do Sur, referíndose ao movemento de independencia coreana do 1º de marzo de 1919. Kan comentou que o dominio imperial foi feito “contra a vontade dos pobos coreanos de entón”. Tamén prometeu que entregaría os documentos da Dinastía Chosŏn, gobernante na península coreana entre 1392 e 1910. Kan utilizou a palabra “entregaría” no canto de “devolvería” porque todas as cuestións legais relacionadas coa reclamación están perfectamente resoltas. No entanto, o goberno de Corea do Sur traduciu a palabra “entregaría” por “devolvería”, xustificando a modificación realizada o 12 de agosto.

Xapón coidouse de non asumir maiores obrigas por este Shusho Danwa. No Tratado sobre a Base das Relacións entre Xapón e a República de Corea, concertado en 1965, confírmase que todos os tratados e acordos concertados antes do 22 de agosto de 1910 entre o Imperio do Xapón e o Imperio de Corea carecen de validez. Entre Xapón e Corea do Sur aínda hai unha discusión sobre se o Tratado de Eulsa de 1910, que confirmou a anexión de Corea por parte xaponesa, foi ilícito ou non. Por iso, Xapón non modificou aquel punto de vista que argumenta que o seu dominio colonial non comezou trala concertación do Tratado de anexión de Corea, co cal non recoñece a ilegalidade, mencionada máis arriba. No entanto, a cláusula reza que “o dominio colonial contra a vontade dos coreanos de entón” suxire a coacción do Tratado.

As relacións internacionais no Leste Asiático

Por qué Xapón publicou agora un novo Shusho Danwa? Aparte do centenario da anexión de Corea a Xapón, é posible que o actualmente gobernante Partido Democrático de Xapón (PDX) teña a intención de acentuar a importancia da diplomacia asiática, tal e como dispón un comunicado oficial: “Xapón e Corea do Sur son veciños moi importantes, que posúen en común valores como a democracia, a liberdade e a economía de mercado. Non son só as relacións de dous países, senón tamén as relacións de compañeiros que demostran o seu liderado en colaboración para a paz e a prosperidade na rexión e o mundo [...] tendo en consideración a construción da Comunidade do Leste Asiático (CEA)”.

Deste xeito, o PDX aclara unha posición outorgando progresivamente maior importancia ao contexto asiático. Ademais do Shusho Danwa, o PDX sinala que o primeiro ministro Kan e o seu gabinete non asistiron o 15 de agosto a Yasukuni, o santuario que diviniza aos soldados xaponeses mortos na guerra (entre os cales inclúense catorce criminais de guerra) moi probablemente por consideración moral cara os países asiáticos que sufriron o imperialismo xaponés. Polo tanto, esta foi a primeira vez na que non asistia ningún ministro xaponés a Yasukuni, polo menos tomando en conta os datos coñecidos desde 1980.

Na actualidade, Xapón outorga unha maior importancia ás relacións cos países asiáticos. Especialmente, Toquio atribúe gran valor á relación con Corea do Sur ante a preocupación do incremento armamentista entre China e Corea do Norte. Logo da publicación do Shusho Danwa, o presidente de Corea do Sur, Lee Myung-bak, tamén comentou que as relacións entre Corea do Sur e Xapón son necesarias para a estabilidade do Nordeste Asiático.

Recentemente, as relacións entre China e EEUU están arrefriándose polo problema territorial no Mar de China Meridional. Coméntase que se aprazará a próxima visita a EEUU do presidente Hu Jintao, programada para setembro, ante o deterioro das relacións entre Washington e Beijing. Paralelamente, as relacións entre Xapón e EEUU tamén pasan por un momento de arrefriado, principalmente polo problema da base militar estadounidense de Futenma (illa de Okinawa) e da política exterior do PDX, que outorga maior prioridade a Asia.

Aínda que as relacións entre Corea do Sur e EEUU volven mellorar, por mor da necesidade de resolver o problema de Corea do Norte, a dinámica política avanzará cara a un maior nivel de solidariedade entre os tres grandes países do Leste Asiático. Para construír esa solidariedade, a fluidez nas relacións entre Xapón e Corea do Sur moi probablemente determinará os cimentos básicos.

 
 

Masashi Oki,
é licenciado en Ciencia Política pola Chuo University (Xapón) e analista colaborador do IGADI.

Masashi Oki, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Asia



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/08/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta