Presenza-Opinión / Oriente Medio Volver a TitularesVolver a Presenza/Oriente Medio
Israel baixo lupa
Emma Fernández Delgado (igadi.org, 13/08/2010)

Versión para imprimir

 

O pasado 31 de Maio, militares israelís detiveron en augas internacionais aos integrantes da “Flotilla da Liberdade” que viaxaban no buque Mavi Marmara, cuxo declarado propósito era brindar axuda humanitaria a Gaza, sorteando o bloqueo que exerce Israel contra a poboación palestina. A consecuencia deste ataque morreron 9 tripulantes, colocando a Israel, novamente, no punto de mira do mundo enteiro.

A “Flotilla da Liberdade” non é a primeira campaña para a cooperación e axuda humanitaria a favor da illada poboación palestina en Gaza, que sofre pésimas condicións socioeconómicas, sen infraestruturas adecuadas, a causa do bloqueo israelí.

Diversas ONGs e outras asociacións levan anos facéndose eco dos crimes de guerra de Israel, recollidos no Informe Goldstone, así como dos posibles indicios de limpeza étnica contra a poboación palestina desde 1948, tal e como argumenta o historiador revisionista israelí Ilan Pappe. Igualmente, o asedio a núcleos de poboación palestinos (zona de Naqab, Gaza, Gran Xerusalén, Muthalath, Wadi Ara, Jaffa..) está amplamente documentado.

O impacto do Mavi Marmara

Tampouco era a primeira vez que se tentaba acabar co bloqueo marítimo de Gaza, xa que, anteriormente, o 23 de agosto de 2008, a organización Freegaza eludiu  o asedio de Gaza, repetindo posteriormente esta acción o 29 de outubro dese ano. O propósito futuro, segundo declarou esta ONG, consistía en establecer unha liña marítima permanente entre Chipre e Gaza.

No entanto, a “Flotilla” garantiu unha campaña de comunicación eficaz e exitosa, baseada na “acción-reacción”, co obxectivo de proporcionar axuda ás vítimas do bloqueo e, probablemente, de escenificar o rexeite internacional perante Israel , así como transmitir unha sensación de euforia triunfal porque a flotilla chegara a “bo porto”. Dende que a “flotilla” partiu cara Gaza, eses eran os posibles desenlaces que xerarían unha repercusión mediática espectacular, os cales poderían satisfacer, con moito, as expectativas da tripulación.

Non só a nacionalidade (voluntarios provenientes de 40 países), o sexo, a idade, a raza e a relixión dos participantes era moi variada, senón que tamén o eran os intereses que os movían. No entanto, esta tripulación non barallaba a hipótese da morte dos 9 cooperantes. Entre as 750 persoas da tripulación había compoñentes de ONG pro dereitos humanos, representantes de medios de comunicación, 12 parlamentarios (de Alemaña, Suecia, Noruega, Bulgaria e Irlanda) e decenas de activistas gregos, turcos e españois.

A magnitude do evento xerou certa presión nos servizos exteriores de Israel. Segundo recentes declaracións do primeiro ministro israelí Benjamin Netanyahu, o seu goberno xa coñecía de antemán a posibilidade de que a súa imaxe pública saíra moi prexudicada, e por iso sopesaron diversas medidas co fin de evitalo. Desde a perspectiva israelí, é moi probable que, ante todo, primara a negativa a dar “luz verde” ao abastecemento de Gaza, debido a que os indicios apuntaban a que iso podería supor o fortalecemento da resistencia do movemento islamita palestino Hamas.

Por iso, durante o percorrido da “flotilla” ata Gaza, Israel xa anticipara a súa liña de actuación, aínda que arriscándose a danar os seus apoios diplomáticos, a súa imaxe internacional e revalidar as denuncias e sospeitas dos seus detractores en relación ao tratamento israelí dos dereitos humanos. Á vista do que aconteceu, a reacción de Israel pódese avaliar como desmedida e arriscada.  

As Nacións Unidas crearon unha comisión de investigación denominada “Turkel”, á que se somete “voluntariamente” Israel debido ás presións internacionais, e que ten como propósito examinar e identificar os feitos, as circunstancias e o contexto do incidente. O pasado 10 de agosto compareceu o ministro de Defensa israelí Ehud Barak, quen asumiu “a total responsabilidade” das ordes para o asalto, tras ser sinalado por Netanyahu na súa comparecencia un día antes, afirmando que el deixou nas mans de Defensa os aspectos técnicos da acción.

O “illamento” de Israel

O escenario deu pé a unha contenda mediática e diplomática que, á vista do mapa, traspasou as fronteiras incluso dos países veciños de Israel. As nacionalidades dos mortos e feridos no Mavi Marmara así como da súa tripulación, son factores que provocaron un auténtico “rifirrafe” diplomático con Israel, afectando ás relacións, principalmente con Turquía, país de orixe da ONG que lideraba a flotilla.

Ata a ofensiva militar israelí contra Gaza en decembro 2008-xaneiro 2009, a relación de Israel con Turquía era estable, de imperturbable amizade diplomática e ampla cooperación militar. Non obstante, Turquía tamén mantén relacións con outros réximes islámicos como Irán, inimigo diplomático de Israel e EEUU, así como con Siria, tradicional rival israelí. 

Na política exterior turca baixo o primeiro ministro Recep Tayyip Erdogan, podíase apreciar un sentido de prudencia e cautela, aínda que a mediados de 2010 esta percepción comezou a mudar tralos acordos bilaterais sobre armamento nuclear entre Turquía, Brasil e Irán, excluíndo deles a EEUU. Isto xa significara certo distanciamento turco con Israel.

Tras o ataque da “flotilla”, Turquía reaccionou con dureza a través de varias accións: en primeiro lugar, ordenou a repatriación inmediata do seu embaixador en Israel; prohibiu que a aviación israelí sobrevoara territorio turco; e demandou desculpas públicas a Israel polo acontecido no Mavi Marmara. Igualmente, Ankara tamén fixo declaracións ante os medios de comunicación contrarias á política de Tel-Aviv e ás  violacións continuas dos dereitos humanos da poboación palestina.

Por outro lado, EEUU mantivo a súa habitual e contraditoria cautela nas declaracións con respecto ao incidente, especialmente eludindo condenar o asalto á “flotilla”. Momentos despois do incidente, Bill Burton, portavoz da presidencia de Barack Obama, declarou que “Estados Unidos lamenta profundamente a perda de vidas e os feridos, e está actualmente traballando para entender as circunstancias que rodean a traxedia”. Obviamente, para Washington é fundamental manter a fluidez da súa estratéxica relación con Israel, por mor de asegurar a súa presenza e peso xeopolítico en Oriente Próximo, aínda que iso supoña abrir un inmenso burato negro na súa reiterada estratexia internacional de promoción dos dereitos humanos.

Outras flotillas en curso

Con todo, queda patente o impacto que tivo a expedición da “flotilla” a nivel internacional, cunha repercusión que os anteriores intentos non tiveran alcanzado. É por iso que está asegurado o despregue de novas “flotillas” que continúen a estela trazada polo Mavi Marmara, co mesmo ou quizais máis apoio político, mediático e diplomático.

Neste sentido, diversas ONGs están coordinando a posibilidade de organizar próximas flotillas humanitarias cara Gaza. Barállase a posibilidade de enviar unha flotilla dende Suecia, en principio prevista para novembro próximo, así como outras dende Chipre e España. Deste modo, os activistas parecen comprender a eficacia dos mecanismos para implicar á comunidade internacional neste labor humanitario.

No entanto, Israel anticipou que ante novas “flotillas”, a súa resposta vai ir na mesma liña: evitar que cheguen a Gaza. Nestes momentos de relativa tensión, onde cada movemento de Israel é analizado con lupa, algúns indicios revelan que se reduciu a presión israelí cara Gaza: informacións de diversas ONGs aseguran que suavizou o bloqueo en Gaza, permitindo levemente a entrada de víveres dende Exipto. Quizáis confia en desactivar así os argumentos que animan a multiplicar a solidariedade internacional para acabar co bloqueo.

 
 
Emma Fernández Delgado, realiza prácticas no IGADI.
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Oriente Medio



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 13/08/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta