Acción exterior Volver a TitularesVolver a Acción exterior
Un papel para Galiza no Bicentenario
Antonio Martínez Puñal (Xornal de Galicia, 01/08/2010)

Versión para imprimir

 

Se ben era de esperar por parte de España, con todo o seu papel histórico colonial, un maior protagonismo en todo o que rodea ao Bicentenario, tamén era de esperar unha actuación máis relevante neste asunto por parte das súas Comunidades Autónomas cunha grande traxectoria emigratoria cara ao continente americano. Algunhas delas, profundamente debedoras dos aportes de todo tipo recibidos desde aqueles países, en particular Galiza, deberían, na medidada das súas posibilidades, desempeñar un maior papel colaborando, xunto con España e a Unión Europea, a prol dun maior desenvolvemento das súas poboacións, o cal pasaría nestes momentos por unha coparticipación solidaria nos obxectivos do Bicentenario hispanoamericano.

Por en canto a Galiza, a pesares –entre outros elementos a destacar– dos antecedentes na Arxentina, por escoller un país, da “Congregación del Apóstol Santiago el Mayor, de Hijos y Oriundos del Reyno de Galicia”, creada en Bos Aires en 1787, a primeira organización mutualista galega do hemisferio meridional; do Tercio de Gallegos fundado para facer fronte ás tropas inglesas por Pedro Antonio Cerviño en 1806; de Bernardino Rivadavia como primeiro presidente arxentino; do xeneral Lucio Norberto Mansilla; do capitán Jacobo Adrián Varela, pai dunha estirpe de próceses arxentinos... (e así poderiamos suliñar a presenza das raigames galegas na historia e na actualidade política de outros países), podemos observar como a actual Xunta, neste asunto, non é quen nin sequer a de elaborar informe algún, así fora ao menos ao uso de aqueles aos que decote soe facer referencia, criticando o goberno bipartito anterior.

Até onde sabemos, e oxalá que saibamos pouco, a actividade da Xunta en relación co tema en Bos Aires, a quinta provincia para os galegos, concrétase no seu concurso para que os alumnos do Colexio Santiago Apóstol puideran colaborar coa chamada Expedición Bicentenario Argentina 2010. Por certo, referirei aquí sen comentario ningún que, como puiden comprobar in situ, a finais do 2001, a composición do alumnado deste Colexio era maiormente de ascendencia coreana.

Sírvase, Xunta, ser orixinal e poña sobor da mesa, aínda con crise e todo, algún programa de actuacións ao respeito. Suliñábel é igualmente o desvencello en xeral das outras institucións galegas chamadas a ter algún papel no Bicentenario, por máis que pola academia estea pendente de celebración algunha actividade moi en singular. Na miña retina están aínda –¡oh paradoxos!– as imaxes do congreso pluridisciplinar, coa asistencia de preto de 200 especialistas, celebrado no 2000 na Universidade de Santiago baixo o lema “Brasil, 500 anos depois”.

O Bicentenario –que non remata neste ano– non pode ser desperdiciado. Contemplado por algúns como unha segunda independencia, significa, sen esquencermos as leccións do pasado, unha inaprezábel oportunidade para o debate, a reflexión, o balanzo e a programación dun novo capítulo no rumbo de Hispanoamérica en xeral e, en concreto, das súas relacións con Europa, España e Galiza en particular; un rumbo que veña abrir un período de necesaria satisfacción de toda unha secuela de graves problemas socio-económicos, presentes naquela rexión tanto durante os 300 anos de colonialismo español como nos últimos 200 ateigados dun sofocante verniz neocolonial, exercidos moi especialmente sobor das poboacións indíxenas. Todos teremos que aprender neste Bicentenario, inclusive aquí en España na que o nacionalismo españolista arredista preñado de falsos tópicos históricos segrega cada vez máis serias dificultades para unha convivencia plurinacional.

 
 

Antonio Martínez Puñal,
é catedrático e profesor na USC e membro do Consello Reitor do IGADI

 
Volver a TitularesVolver a Acción exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 07/12/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta