Acción exterior Volver a TitularesVolver a Acción exterior
O rexionalismo do Norte de Portugal e nós
Ánxelo González Vicente (Semanario Grande Porto, 01/08/2010)

Versión para imprimir

 

Desde o mes de maio, coa creación do Movemento Pro-Partido do Norte, o rexionalismo portugués voltou á máxima actualidade no país veciño, neste caso como reacción a unha extraordinariamente torpe, por esaxerada, deriva centralista das políticas dos partidos nacionais presentes nas institucións lisboetas. O detonante foi a introdución de portaxes para as autoestradas que até agora se viñan chamando Sen Custos para o Utilizador (SCUTs) só na rexión Norte, unha das máis pobres do país  e moi por debaixo, en termos de renda per cápita, da media europea.

Os obxectivos fundamentais do Movemento son dous: conseguir deputados propios que leven a voz do Norte ás institucións lisboetas e acelerar a concreción da rexionalización portuguesa, en termos políticos e administrativos, prevista na mesma Constitución da República de 1976. A consecución deste segundo obxectivo habería de traducirse na creación dun Goberno e Parlamento propios para o Norte portugués.

Calquera dos dous albos do Movemento tería consecuencias positivas para o Norte de Portugal, mais é do segundo deles do que cabería esperar mudanzas de maior calado que haberían de repercutir no noso propio País. Isto porque un Goberno e Parlamento na Rexión Norte terían dúas misións fundamentais: evitar novos abusos derivados da tendencia centralista das institucións lisboetas e promover o desenvolvemento endóxeno. E aquí as relacións con Galicia adquirirían prioridade preponderante.

Un Norte con capacidade de tomar decisións propias sobre os asuntos que lle afectan abre novas posibilidades de afondar e axilizar as relacións Galicia – Norte de Portugal que desde ambas as marxes do Miño se han aproveitar sen reparo. Outra cuestión é se con maior ou menor intensidade, onde determinados prexuízos políticos poden xogar un papel retardatario innegable, mais penso que tan molesto no curto prazo como inútil no longo.

Para alén dos positivos efectos que unha intensificación das relacións entre Galicia e o Norte de Portugal terían nos máis diversos campos, coa exploración de alianzas e parcerías en materias como portos e aeroportos, universidades, servizos públicos, infraestruturas… ; desexo agora chamar a atención sobre o impacto, que intúo inexorable, no noso idioma, porque será extremamente positivo de dúas maneiras relevantes.

Dun lado, máis relacións entre Galicia e Norte de Portugal significan moitos máis escenarios de encontro e comunicación entre persoas galegas e persoas falantes de portugués. Tod@s teremos observado que moitas persoas galegas castelán-falantes mudan para o galego cando han de comunicarse con persoas que usan o idioma portugués. Quizá sexa o contexto máis eficaz á hora de propiciar esa mudanza. Isto ten en si mesmo un valor positivo se consideramos que un idioma só vive e sobrevive na medida en que é utilizado e se entendemos que máis relacións con persoas portuguesas implican máis uso do galego.

Por outra banda, un aumento do uso do galego para a comunicación con persoas doutro Estado contribuirá a escenificar dun modo fácil e evidente aquilo que moitas persoas, galegas e non galegas, veñen defendendo desde hai décadas: que o idioma galego coloca a Galicia nunha situación privilexiada no escenario internacional, co dominio de dous dos idiomas máis falados no mundo; un deles, o galego, absolutamente infrautilizado e mesmo desprezado neste plano. O que constitúe unha soberbia mostra de impericia, maiormente política, pois a esta esfera corresponde liderar a persecución dos intereses colectivos.

Estamos a debater sobre canto galego ha de haber nas escolas galegas, cando é evidente que debía haber todo o posible para compensar o predominio absoluto do castelán en todas as demais esferas. As pésimas consecuencias dese desequilibrio para o noso idioma están ben á vista: sectores como o xornalístico (e penso na xeneralidade de xornalistas da Radio Galega e Televisión de Galicia que interveñen en público, que son a quen máis debemos esixir) ou o político (sen distinción de partidos), por citar dous dos que máis responsabilidade han de ter na promoción e defensa do idioma e que, ademais, son referentes na transmisión do estándar ao resto da cidadanía; falan un galego que non vai a mellor, cheo de castelanismos e incorreccións gramaticais. Non ocorre o mesmo, no entanto, co castelán na nosa terra, falado con corrección polos mesmos sectores.

A rexionalización do Norte de Portugal pode ser un revulsivo notable para dar ao idioma galego a relevancia que merece nas nosas relacións exteriores, mais esta posibilidade esmorece ao mesmo ritmo que o galego desaparece cuantitativa e cualitativamente.


 
 

Ângelo Gonçalves Vicente,
vicedirector do Igadi.

Ângelo Gonçalves Vicente, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Acción exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/08/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta