Acción exterior Volver a TitularesVolver a Acción exterior
Non nos coñecen nin en Portugal
Ánxelo González Vicente (Xornal de Galicia, 16/10/2010)

Versión para imprimir

 

Asevera o historiador Anselmo López Carreira que durante o século XIV desde Galicia faise un importante esforzo, probablemente un dos últimos antes de que o vello reino pase a ser xa definitivamente apéndice de Castela, por desenvolver unha política interna e externa propias. Un dos episodios quizá máis coñecidos deste período é o de Inés de Castro.

Inés de Castro era unha nobre galega, irmá do Conde de Lemos, Fernando Ruíz de Castro e, por tanto, pertencente á, na altura, máis poderosa liñaxe secular galega. E iso era moito dicir na Europa do momento. Parte da estratexia de reforzo do papel de Galicia no concerto ibérico pasaba por tecer unha alianza con Portugal. Alianza que, polo demais, viña sendo tradicional desde a separación Galicia-Portugal do século XII. Esta alianza vaise materializar finalmente na unión entre Inés de Castro e o Infante portugués Pedro I. Inés será mandada matar por Afonso IV de Portugal, pai de Pedro, o que provocará que Pedro se levante en armas contra o proxenitor. As cousas acougarán até chegar a morte de Afonso IV e Pedro ser coroado rei de Portugal. Anunciará entón que tiña casado con Inés de Castro e que, por tanto, a galega era a lexítima raíña de Portugal, coroándoa, cadáver, en cerimonia pública.

Na actualidade, os túmulos de Inés e Pedro, de extrema formosura, poden visitarse na igrexa do Mosteiro de Alcobaça, uns cen quilómetros ao norte de Lisboa.

Agora ben, que ninguén que viaxe alá teña moita esperanza de que os nosos vellos irmáns e irmás recoñezan no personaxe e na historia un antigo, un de tantos, vencello histórico. Non. Para a xeneralidade, Inés de Castro era castelá. Non só iso, poderá descubrirse mesmo que nada se sabe dunha tal Galicia. “Onde é que isso está?”. Mellor ir sobre aviso. Se en Alcobaça non nos coñecen… onde nos coñecen? Se onde existe máis proximidade xeográfica e cultural non teñen ouvido falar en nós… onde teñen ouvido? Pode darse o paradoxo de que unha veciña ou veciño de Alcobaça viaxe a Madrid (a Cataluña ou o País Vasco non, iso si que o saben), pensando que na capital do Reino da España encontrará máis información daquela importante nobre castelá. Onde se non?

Fracasou a política externa galega do século XIV. Agora só nos deixan ter unha moi limitada, por primeira vez despois de moitos séculos de auténtico bloqueo centralista, e fracasamos. Mais non fracasamos por arriscar cunha estratexia, senón por carecer dela. Galicia é a Comunidade Autónoma na que máis sentido ten unha acción exterior propia. Mais, para alén de cousas moi puntuais, esta non se ve.

Para podermos ter relacións con outros países, sexa ao nivel que for, temos que ser coñecidas e coñecidos, e a ser posible por cousas boas. Con Portugal está medio camiño andado, mercé do inmenso pasado común. Agora temos un presente de relacións de todo tipo en intensificación permanente, co permiso das novas portaxes nas SCUT. Pero pode e debe ser feito moito máis, desde a sociedade civil e desde os poderes políticos. Estes son os que van máis atrasados, e a eles corresponde un papel de lideranza.

Ten sentido pedir un tal esforzo coa que está a caer? Máis que nunca. A proxección exterior ten que ver coas posibilidades comerciais internacionais, e estas coa marcha da economía interna. Ten que ver co vigor do turismo a Galicia. No caso da proxección en Portugal ten que ver coas posibilidades de aumentar o mercado para produtos culturais en lingua galega. Pensemos no teatro, no cine, na música. Ten que ver coa posibilidade de alianzas políticas transfronteirizas, para aumentar a eficiencia no investimento e xestión de servizos e equipamentos ás dúas marxes, ou para defender intereses comúns, como o AVE ou TGV. Ten que ver mesmo con intercambiar experiencias: os portugueses son veteranos e expertos en materia do que eles chaman PPP (Parcerías Público-Privadas), que tamén pensaban que sería a panacea e que agora descobren que é unha lousa farto pesada para xeracións actuais e futuras.

 
 

Ângelo Gonçalves Vicente,
vicedirector do Igadi.

Ângelo Gonçalves Vicente, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Acción exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 18/10/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta