| |
 |
| Agora, con mirada fera din “Iemen é a nova fronte na grande guerra contra o terror”, querendo dicir que enviarán algúns bombardeiros B-1 e algúns Predators. Bombardearán unhas poucas vilas; algunhas vodas en fin de semana. Así, unificarán un monte de xente do Iemen á hora de opórense e detestaren os Estados Unidos”. Asevera o xornalista euro-estadounidense Alexander Cockburn. Na imaxe, un bombardeiro B1. |
| |
O Iemen voltou con forza á actualidade mediática internacional nas últimas semanas, a raíz do intento de atentado desenvolvido por un mozo de 23 anos nun avión que viaxaba para Detroit o pasado día de Nadal. E non tardaron en aparecer voces, estadounidenses e non só, a reivindicaren unha intervención militar no extraordinariamente emprobrecido país arábigo. Hai quen apunta a conferencia internacional do próximo 27 de xaneiro en Londres, convocada por Gordon Brown para abordar o asunto, como eventual preludio dunha nova ocupación militar occidental no Oriente Próximo, a pesar de que Barack Obama teña rexeitado explicitamente esta posibilidade.
En 2003, as autoridades de Sanaa e máis os Estados Unidos proclamaron a fin de Al Qaeda no Iemen. No entanto, en xaneiro do ano pasado confirmouse a volta da organización ao país, cunha estrutura máis complexa, que ultrapasou as fronteiras estatais, baixo a forma de Al Qaeda da Península Arábiga. Hai analistas que teñen aseverado que esta xa é na actualidade a organización máis representativa do país, ao ter sido capaz de ir máis alá das tradicionais clivaxes que dividen as súas xentes, até agora de modo case irreconciliable: independentistas no sur incómodos co Estado central, chiítas zaidís no norte que se senten marxinados nun país de maioría sunita e unha forte atomización tribal, diferenzas de clase…
As potencias occidentais fanse as preguntas habituais nestes casos: como desmontamos esta nova ameaza? Como evitamos, mentres tanto, que atenten contra os nosos intereses fóra ou dentro do noso propio país? Mais a pregunta fundamental é outra. Que leva a xente tradicionalmente tan dividida a unirse e optar por unha vida sempre difícil para calquera ser humano: a da violencia?
Dous son os factores que explican a conformación no Iemen dun caldo de cultivo propicio para o florecemento de vontades de acción extremas. Dun lado, a pobreza, que leva a maior parte da poboación a vivir nunha situación desesperada. É un dos países árabes máis pobres, con formidables taxas de desemprego e inflación, máis unhas cifras de malnutrición infantil próximas do 50%. Doutro lado, a poboación civil iemenita ten sido vítima de danos colaterais de accións que ultimamente vén desenvolvendo o goberno arábigo con apoio dos Estados Unidos e que teñen provocado a morte de ducias de civís inocentes, incluídas nenas e nenos.
O xornalista e escritor euro-estadounidense Alexander Cockburn, tense referido de modo ben clarificador a isto último:
“Agora, con mirada fera din “Iemen é a nova fronte na grande guerra contra o terror”, querendo dicir que enviarán algúns bombardeiros B-1 e algúns Predators. Bombardearán unhas poucas vilas; algunhas vodas en fin de semana. Así, unificarán un monte de xente do Iemen á hora de opórense e detestaren os Estados Unidos”.
Non parece este o camiño idóneo para un mundo máis estable e pacífico. Se o caldo de cultivo dos extremismos é a desesperación material, cumprirá mellorar o reparto da riqueza internacional. Se as intervencións estranxeiras violentas e contra inocentes provocan reaccións (polo demais, bastante comprensibles) colectivas extremas, será mellor apostar por outras vías.
|