Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa/ Europa
Unha mesa de tres patas
Xulio Ríos (Xornal de Galicia, 31/05/2009)

Versión para imprimir

 

Vinte anos atrás comezaba en Varsovia por estas datas a fin do século XX. O sindicato Solidarnosc e o POUP  (Partido Obreiro Unificado Polaco) sentaban nunha mesa redonda que anunciaba a liquidación efectiva da guerra fría en Europa. En Moscova, a negativa de Gorbachov a dar  o visto e prace ao uso da violencia estatal para reprimir aquel movemento obreiro inspirado pola xerarquía católica que idealizaba a aquel outro Ronald Reagan que cabalgaba pola guerra das galaxias contra o imperio do Mal, non deixaba outro camiño que a negociación para saldar o crecente déficit de lexitimidade das democracias populares do Leste europeo. Nesa Varsovia que violentaba pacificamente aquela doutrina Brezhnev que limitou a soberanía dos países do tamén chamado Pacto de Varsovia, fabricouse a pica que había demoler o muro de Berlín cinco meses máis tarde.

A conversión de Polonia, co polaco Karol Wojtyla á fronte do Vaticano, afondou na reversibilidade do proceso histórico iniciado en 1917 na Rusia czarista, onde ata entón só se contemplaba a posibilidade de pasos cara adiante. Décadas de construción do home novo resultaron infrutuosas para evitar a emerxencia do fanatismo católico máis recalcitrante, mentres o adoutrinamento no marxismo-leninismo derivaba na formación de sindicatos obreiros alternativos que reivindicaban a economía de mercado e a explotación do home polo home. Válanos Deus! A Conferencia Episcopal Polaca, a terceira pata da mesa, afianzábase como a nova viga salvadora.

O mundo ao revés? Tiñan razón os históricos Jacek Kuron e Karol Modzelewski, polacos tamén, ao criticaren o socialismo de cuartel que Stalin e o PCUS propagaron polo mundo adiante como equivalente do único prototipo posible de liberación. Negando a democracia e o pluralismo, as boas intencións remataron por afogar as esperanzas de emancipación culminando todo nun nivel de miseria política nada edificante e co que pouco futuro podíase construír. Aquela crítica inicial recollida na Carta aberta ao Partido (1964), subscrita dende a esquerda por ambos dirixentes, rematou, previo paso polo cárcere, nunha proclama antisistema que recolleu apoios en ámbitos onde nunca contara. Non se debe menosprezar o valor das ideas por moito que os intereses aconsellen outra cousa.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 10/06/2009


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta