Presenza-Opinión / África Volver a TitularesVolver a Presenza/África
Presidente Zuma
Por Xulio Ríos (Xornal, 10/05/2009)

Versión para imprimir

 

Jacob Zuma, o presidente sudafricano que onte tomou posesión do cargo, ten pouco en común con Mandela ou Thabo Mbeki, os seus predecesores e artífices da inmensa transformación vivida por Africa do Sul dende 1990, tanto no plano económico como político e social. Pretoria representa hoxe o 19% do PIB africano e todos recoñecen o crucial papel que desempeña no continente, tanto como potencia como modelo. Por outra banda, os piares esenciais da política levada a cabo polo Congreso Nacional Africano (integración da pluralidade étnica, garantías plenas do equilibrio democrático, e loita contra a pobreza), aseguraron, en termos xerais, a estabilidade do país con plena solvencia ante o resto do mundo, aínda a pesar do inesplicable rexeitamento de Mbeki ao consenso científico mundial a propósito da SIDA.

Pero Zuma é diferente. E zulú (xhosas eran Mbeki e Mandela), poligamo declarado e con abundantes sombras de implicación en corrupcións varias (Mbeki e Mandela caracterizaronse pola integridade moral e financiera). Non obstante, especialmente dotado para a comunicación, conta cun gran caudal de popularidade, ao que agora deberá sumar mestría suficiente para non deixarse enredar no populismo fácil e estragar o inmenso capital que recibe en herdanza. Poucos dubidan das súas habilidades políticas, labradas dende a proximidade a Mandela (no cárcere, onde aprendeu a ler e escribir) e resultado dunha entrega absoluta á súa formación política durante as tres últimas décadas que, en recompensa, agora confioulle esta comprometida misión.

Con Zuma chegará a Pretoria outro estilo, outra forma de facer e de entender a política, pero deberá afrontar os mesmos retos: preservar a cohesión social e étnica, salvagardar a diversidade e fortalecer a vida democrática do seu país asegurando un reforzamento activo da loita contra a pobreza. A maiores, terá que lidar con esa disidencia interna que aínda confía na alargada man da xustiza para retiralo da vida pública. Con Zuma, chega ao seu remate a longa transición sudafricana. Con novas esperanzas e vellas inquietudes.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/África



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 10/05/2009


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta