| Acción exterior |
||||||||
| Portugal non é noso Xulio Ríos (AGN, 26/04/2009) |
||||||||
|
Lurdes Rodrigues, ministra de educación de Portugal, anunciou a pasada semana un acordo coa rexión de Estremadura para que docentes desta comunidade ensinen castelán en Portugal mentres que profesores lusos darán aulas de portugués nas escolas estremeñas. O anuncio realizouse na XIX Conferencia iberoamericana de educación que se levou a cabo en Lisboa e abre portas a un entendemento similar con Brasil que suporía, entre outros, grandes oportunidades de emprego. Estremadura da así un paso máis adiante para gañar peso na interlocución con Portugal sumando ideas e propostas á súa condición raiana mentres Galicia reduce a súa significación global. A ministra dixo tamén que este primeiro acordo sentará un precedente que se podería estender a Castela-León e despois a Andalucía, enfatizando o que é un berro a voces (Portugal non é só cousa nosa), especialmente cando, acomodados, deixamos o campo aberto a iniciativas valentes e proveitosas que reverten en beneficio mutuo. A capacidade de concertación interna é, neste aspecto, un valor irrenunciable para lograr esa posta a punto nas relacións bilaterais que permita sumar as múltiples iniciativas dispersas que tanto abundan neste eido e orientalas nunha mesma dirección, que debe transcender non soamente o feito sectorial senón tamén o estritamente territorial para proxectarse no mundo global, tanto no iberoamericano como no iberoafricano. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 26/04/2009 |
||||||||
|
||||||||