Acción exterior Volver a TitularesVolver a Acción exterior
Feijóo e o exterior
Por Xulio Ríos (Xornal de Galicia, 24/04/2009)

Versión para imprimir

 

Austeridade e ambición non son conceptos antitéticos. E debe evitarse que entren en contradición. Máis no tempo presente cando se nalgún sitio estamos é no mundo, entendido como aldea global, onde todos nos relacionamos e onde todos dependemos os uns dos outros. No contexto da crise económica en curso, a Galicia actual ten moitos retos e sería un erro acoutar ambicións respecto ao exterior nunha especie de versión política do proteccionismo económico que tanta adhesión e predicamento temporal e oportunista suxire nalgúns ambientes. Por iso cómpre telo claro: investir na acción exterior non é un desbalde aínda que tamén aquí os recursos poidan optimizarse mellor ou peor.

As nosas prioridades no eido internacional non deben estar en función de estratexias electorais senón orientadas a tirar proveito das nosas potencialidades posicionándose fronte unhas tendencias de futuro que cómpre saber identificar sen deixarnos levar polas inercias e atados por límites que outros, en tempos menos proclives a estas lerias, souberon superar. Contamos cun capital importante en materia de acción exterior e con activos que non debemos descualificar á lixeira. Penso na Galicia relevante da maltratada diáspora, pero tamén nunha dilatada experiencia interna e o prestixio acumulado en múltiples foros, en Europa e na América principalmente, que non podemos tirar pola borda. A partires desa bagaxe, hai dúas urxencias importantes, unha próxima, outra no outro extremo: Portugal e Oriente.

Levamos anos perdendo velocidade na relación con Portugal. Por complexos, prexuízos ou simple falta de estratexia, o que debería ser unha vantaxe comparativa estase diluíndo fronte a outros actores máis dinámicos que se interpoñen con éxito na nosa interlocución “natural”. Cómpre reaccionar potenciando a nosa dobre dimensión, como comunidade orientada tanto ao espazo hispanoamericano como ao mundo lusófono. Esa singularidade non é dun demérito, é un patrimonio de gran valor e debe ser a base conceptual para afincar unha alianza que vaia máis aló da eurorrexión e que debe proxectarse no mundo enteiro. Sen dilución de lealdades pero con plena consciencia da necesidade de articular o que de propio hai nos nosos intereses e no que tanto hai de complementariedade coa acción exterior do Estado.

Lembro que Touriño comezou a lexislatura pasada anunciando aos catro ventos que a súa gran vocación sería China. Pasaron catro anos e nunca mais se soubo dela. Pujol visitou Pequín por primeira vez en 1989 e xa daquela dicía que chegaba “tarde”. Sobran palabras e máis aínda lamentables postas en escena vendendo o peixe antes de pescalo. A grandes saltos, os chineses ben o saben pola súa propia historia recente, non se avanza con estabilidade. China sairá desta crise cun peso global singularmente superior. Poida que este ano remate como segunda economía do planeta, por diante de Xapón. Asia oriental vai camiño de confirmarse como o epicentro da economía do século XXI e nós, aínda que haxa empresas e empresarios que poidan estar mellor ou peor situados nese mercado, a penas  chegamos á súa periferia. É hora de tomar Asia en serio se queremos contar algo nese futuro que se aveciña.

No global, cómpre recuperar e imaxinar estratexias e poñelas enriba da mesa, non gardalas nun caixón, como tan habitualmente acontece na nosa maneira de facer. Ou recuperalas do caixón. A benvida racionalización que di impulsar Feijóo brinda un argumento excelente para converxer eixes fundamentais da nosa acción exterior, tanto no temático como no xeográfico, multiplicando as sinerxías cun pool no que poidan interactuar de forma proactiva aspectos como a cooperación internacional ao desenvolvemento, a diáspora, a paradiplomacia económica e cultural e a acción política. Esa suma, operada con realismo e sentido estratéxico, pode suxerir un cambio cualitativo que precisamos como auga de maio facendo do exterior unha política consensuada no partidario e no social. Hai cousas que non poden variarse cada catro anos. Esta é, sen dúbida, unha delas.

Temos que reducir distancias co mundo. Hoxe, as maiores fronteiras están na nosa falta de ambición para superar os límites herdados dun tempo que morreu hai vinte anos, cando a cidadanía picou ladrillo a ladrillo aquel muro de Berlín. Non hai sospeita que valga para desenvolver unha acción exterior que baixo a premisa da lealdade tente asegurar un máximo de oportunidades para os sectores máis dinámicos da nosa sociedade. Non temos futuro se non sabemos estar fóra. E contamos con argumentos, con instrumentos e capitais que poden axudar a desenvolver unha acción exterior competitiva e con resultados.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Acción exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 24/04/2009


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta