|
| |
 |
| Sexa como for, no caso de Cosova, a controversia
tiña un referente diplomático inescusable, o respecto desa legalidade internacional que a política
de forza dos últimos tempos converteu en papel mollado en tantas ocasións. Tardará en secar. [Foto: Escudo de Cosova]. |
| |
A voltas con Cosova, a diplomacia española semella atrapallada nun senfin de contradicións que veñen
de lonxe e lastradas por unha dobre hipoteca difícil de saldar. Dunha banda, a inexistencia dunha posición
única na Unión Europea a propósito dun tema tan cercano e decisivo como a estabilidade política
duns Balcáns que trouxeron de novo os ventos da guerra a solo continental. Cosova, con Milosevic no cárcere
e Belgrado en horas baixas, marcou un punto de inflexión e afondou nunha ferida que segue sen pechar. Doutra,
e de maior calado, os propios medos internos derivados das posibles consecuencias e límites da fragmentación
balcánica. Obviamente, sería de difícil comprensión que en Madrid se celebraran as
sucesivas independencias proclamadas nos Balcáns cando en España esta palabra en boca dos nacionalismos
periféricos segue sendo tabú. As guerras iugoslavas serviron de argumento incontestable para atizar
as campañas contra os nacionalismos identitarios aínda a sabendas de que o principal causante de
canto pasou non foi outro que o nacionalismo expansionista serbio. Iso explica que os nacionalismos catalán
e basco, de dereitas e de esquerdas, apoiaran, en termos xerais, os procesos de emancipación nacional desenvolvidos
tanto aquí como en todo o Leste europeo e no propio espazo ex-soviético. O único nacionalismo
que se desmarcou dese posicionamento foi o galego, no que, globalmente, pesou máis a denuncia das estratexias
estadounidense e dalgúns países europeos concibidas tanto para gañar influencia como para
desactivar calquera hipótese de recondución sistémica alternativa despois da desfeita soviética,
ca os lexítimos anceios, inducidos ou non é outro cantar, dos respectivos pobos dos Balcáns.
Sexa como for, no caso de Cosova, a controversia tiña un referente diplomático inescusable, o respecto
desa legalidade internacional que a política de forza dos últimos tempos converteu en papel mollado
en tantas ocasións. Tardará en secar.
|