| Presenza-Opinión |
||||||||
| Divididos polo clima Xulio Ríos (Xornal de Galicia, 06/12/2009) |
||||||||
O éxito do cumio de Copenhague está asociado coa actitude que poidan adoptar os grandes países contaminantes. Tanto EEUU como China anunciaron obxectivos específicos para reducir a cantidade de emisións á atmosfera. Primeiro foi Washington, comprometéndose a reducilas un 17 por cento para 2020 e nun 83 por cento para 2050 respecto das cifras rexistradas en 2005. Logo foi China, establecendo unha ecuación máis complexa, pois reducirá as emisións en función do seu crecemento económico, en vez de optar por unha redución nun prazo determinado. China, hoxe o maior emisor de contaminantes (EEUU éo per cápita) reducirá o volume de gases emitidos por cada punto porcentual do PIB entre un 40-45 por cento en 2020. Ninguén quere quedar mal en Copenhague, pero os puntos de vista de uns e doutros son substancialmente diferentes. A única coincidencia é que todos os compromisos anunciados están por debaixo das recomendacións dos expertos da ONU. A división Norte-Sur marca o ton dos debates. Os países do Norte esixen sacrificios aos países do Sur, pero estes reclámanlles a asunción do principio de “responsabilidades comúns pero diferenciadas”, de xeito que quen máis contaminou asuma máis compromisos. Os países en desenvolvemento formulan obxectivos menos ambiciosos e máis esixentes, non soamente en termos de redución por parte dos países ricos, senón en transferencias tecnolóxicas e en recursos financeiros (co destino do 1% do PIB dos países ricos para combater o cambio climático). A aposta por modelos de desenvolvemento sostible dise firme en moitos países, comezando por China, pero as emisións seguirán aumentando, aínda que a menor ritmo, como mostra de “boa vontade”. Segundo o protocolo de Kyoto, ningún país en desenvolvemento (China, como Brasil ou Indonesia, entre outros, que tamén anunciaron reducións) está obrigado a limitar as súas emisións. India, pola contra, quinta posición na listaxe de países emisores, mantén a incerteza e nada dixo en firme ata o momento. Os países en desenvolvemento non queren sacrificar o ritmo de crecemento das sáus economías en aras dunha defensa ambiental que historicamente é responsabilidade dos países industrializados de Occidente: son estes quen deben pagar os esforzos de redución para non afectar as máis febles economías dos países do Sur. Fronte ao borrador danés, Brasil, Sudáfrica, India e China presentarán un documento de compromisos con opcións diferentes para Norte e Sur. A liña divisoria mundial volve estar sobre a mesa. A única cousa que a contaminación semella deixar meridianamente clara. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 06/12/2009
|
||||||||
|
||||||||