Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Península Coreana/ Península Coreana
Autismo norcoreano
Xulio Ríos (AGN, 14/06/2009)

Versión para imprimir

 

A combinación de sucesión dinástica (Kim 3!) e a reafirmación como potencia nuclear de Corea do Norte, incorpora un dobre plus de incerteza á evolución política de Pyongyang. Confirmándose agora o desmentido ataque cerebral de hai un ano, Kim Jong-Il (67 anos) sorprendeu relativamente coa designación do seu terceiro fillo, Kim Jong-Un, o chamado a asumir o relevo, sempre nese marco brumoso de misterio e enigma que acompaña as vicisitudes deste país. A incongruencia dun réxime auto definido como comunista a practicar a sucesión hereditaria é tan ridícula coma os motivos que seica levárono a optar polo terceiro nivel da liña sucesoria. O primeiro fillo é vulnerable por ser admirador confeso de Eric Clapton e o segundo por facer o pámpano ao tentar entrar en Xapón con identidade falsa para visitar nada menos que Disneylandia.

En teoría, a palabra de Kim Jong-Il vai a misa, pero non se descartan sorpresas dada a probable espera, quizais longa, que podería consumir a transición sucesoria e as ambicións e desconfianzas dos xerarcas militares. Kim terá que manobrar e facer uso abondo da súa autoridade persoal para lograr a plena aceptación do seu favorito e evitar que entren outros competidores na carreira. A decisión do máximo líder serve para trasladar certa idea de continuidade do réxime, reforzándoo internamente, e asegurando esa aparente solidez das institucións estatais que apuntalan o sistema.

O empeño en lograr a arma atómica, os tiros de mísiles de curto alcance e a preparación de novos ensaios de mísiles balísticos fornecen o nivel de tensión necesaria cos países veciños e con EEUU. Kim Jong-Il está no seu ambiente. A pesar de todo, non parece probable que intente nada serio. A China interésalle o máximo de estabilidade na súa porta e é o único valedor diplomático e económico co que realmente pode contar. Non pode arriscarse a estragar esa relación. Pero a perigosa combinación de agresividade e imprevisión aboca a retomar o diálogo baixo a ameaza constante de que a obsolescencia do réxime e o fracaso estrepitoso do seu modelo económico son dunha debilidade tal que, dun momento a outro, pode reducir a cinzas ata esa aparente firmeza atómica que lle outorga o poder para negociar un novo acordo de axuda, derrubándose á primeira de cambio coma se dun castelo de naipes se tratase. Ou iniciando unha fuxida cara adiante de imprevisibles consecuencias.

 
 

Xulio Ríos,
director do IGADI (www.igadi.org)

Xulio Ríos, clic para aumentar

 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Península Coreana



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 15/06/2009


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta