Vinte e dous dos 27 países da Unión Europea achegáronse o xoves 10 de decembro, ao que foi denominado como unha chamada "de París" para estudar reformas na política agrícola e alimentaria común ao son da frauta francesa. Detrás de todo isto está o presuposto agrícola de 2013 a 2020 que se debería traducir nunha nova baixa dos gastos agrícolas que os gobernos pretenden atenuar. Oficialmente, tres son os obxectivos: a defensa dos ingresos dos produtores, defender unha alimentación diversificada e ter en conta os aspectos ambientais.
Extraoficialmente, o problema non está na produción, xa que o que no fondo se promove é a concentración da produción en explotacións eficientes e modernizadas, é dicir, altamente tecnificadas e de produción intensiva en detrimento da pequena agricultura tradicional, e o medio ambiente é un factor periférico pero non un factor central á hora de deseñar a política agraria. Ninguén fala da influencia da distribución a nivel global e os efectos perniciosos que ocasionan tanto a nivel interno, é dicir, comunitario, como externo, internacional.
As tradicionais subvencións á produción e á exportación, non serven finalmente para promover explotacións agrarias sostibles senón para promocionar explotacións intensivas de gran tamaño con marxes de beneficio nas unidades de produción pequenas, e cada vez máis concentradas nalgunhas rexións estratéxicas (perto dos grandes centros transformadores e de transporte) para que as grandes empresas da distribución poidan aproveitar a reestruturación para obter materia prima barata nos mercados comunitarios e internacionais. Todo isto afecta directamente na periferia, onde a dispersión xeográfica e o tratamento tradicional da agricultura, como é no caso galego, nos colocan nunha posición comprometedora de cara ao futuro.
Algúns dos estados presentes, nomeadamente Italia, síntense orgullosos e dan boa proba coas declaracións nas que afirman que forman parte dun núcleo duro ao abeiro de Francia. A maior beneficiaria dos fondos da política agraria comunitaria e por tanto a máis interesada en que o sistema continúe, xa que ademais conta con grandes empresas receptoras dos beneficios comunitarios, directa ou indirectamente, a través do sector da produción e da distribución.
Aínda que se fala de recortes nos presupostos da política agrícola europea, esta opción encontra moitas resistencias e enfróntase ás mobilizacións que esta reforma poida causar no sector. Outra escusa para impedir o recorte dos recursos é o medo á autosuficiencia de produtos alimentarios, que estivo na orixe da política agrícola común da posguerra europea. Este temor que nos levaría a converternos no silo mundial, ten a súa orixe no rápido incremento da poboación do planeta. Non obstante, comeza a facerse visible a visión estratéxica da agricultura como moeda de cambio e contrapeso sobre todo con Asia, ao mesmo tempo que se aposta por engadir valor aos produtos do agro dende unha perspectiva da máxima eficiencia económica na explotación e na comercialización dos produtos do sector primario.
Existe moito interese por gañar tempo e facer modificacións lentas e progresivas. O orzamento da PAC representa o 42% do orzamento total da UE, 56 millares de euros en 2008. Neste senso o ministro de Agricultura francés Bruno Le Maire, que presidiu a reunión, afirmou que na xuntanza sempre se estivo en contra de calquera recorte drástico no orzamento agrícola da Unión Europea proposto nos documentos de traballo elaborados pola Comisión Europea. Parece ser que a Comisión está a pensar en concentrar os investimentos comunitarios en innovación e enerxía. España xa cualificou de inaceptable a postura dunha comisión en funcións que non defende abertamente ao sector da agricultura como estratéxico.
Como se trata dunha primeira reunión para achegar consenso, oficialmente non se falou das cifras para a vindeira reforma da PAC, e cinco países estiveron ausentes nesta xuntanza. Reino Unido, Holanda, Dinamarca, Suecia e Malta. Os novos encontros prométense intensos e interesantes, porque mais que un debate sobre presupostos é unha confrontación de modelos de economía para o futuro.
|