| Presenza-Opinión |
||||||||
| A Europa sen cabeza Xosé Manuel Figueiras (A Nosa Terra, 21/05/2009) |
||||||||
|
Na Grecia clásica xa se falaba de “áreas de influencia” en Europa. Dende entón ata hoxe, a análise das políticas de areas de expansión neste continente converteuse nun dos tirapuxas máis apaixonantes da historia. O último exemplo é a“asociación oriental” que Bruxelas ven de fomentar recentemente, e que volveu acordar unha vez máis a vella retórica de potencia en decadencia de Rusia. A UE quere evitar que aparezan novos conflitos embarazosos con envolvemento do xigante do leste, tal como aconteceu en Xeorxia no ano 2008. Armenia, Acerbaixán, Bielorrusia, Xeorxia, Moldova e Ucraína, todos eles países febles entre Europa e os países do entorno do Mar Caspio na esfera rusa, padecen o impacto da crise que ameaza a súa estabilidade e a estabilidade da rexión por onde pasa gas e petróleo para a UE. Esta é por tanto unha boa razón para poñer 600 millóns de euros sobre a mesa, e promover reformas democráticas e económicas que os leven a integrarse nas redes da UE. Trátase por tanto dun plan para promover maior cooperación económica e política entre as seis ex-repúblicas soviéticas, e persuadir a Moscova de que non se pretende erosionar a esfera de influencia que Rusia se atribúe con descaro. Obviamente, Rusia reaccionou airada, porque ademais estas medidas tómanse unha semana despois da expulsión de dous representantes rusos da sé da Alianza Atlántica en Bruxelas. E no mesmo día do nacemento da “asociación oriental”, o ministro de defensa ruso, Anatoly Serdyukov, anunciou a suspensión da segunda reunión a manter coa UE, Xeorxia e Osetia do Sur, que Rusia considera territorio independente despois da breve guerra con Xeorxia. A UE, con todo o seu peso económico, non é ninguén para poder afirmarse nunha propia zona de influencia coa ameaza da forza, como fai Rusia abertamente, e tal vez de darense as circunstancias idóneas algún dirixente europeo tería máis que tentacións de facelo. Non obstante, impídese que Rusia constrúa o seu espazo vital. A persuasión dos “600” (millóns), non é tampouco arroupada con igual encanto por todos os dirixentes europeos. O feito de que destacados líderes de países de Europa Occidental cancelaran a presenza en Praga nos actos de presentación do proxecto, é significativo. Máis se cabe, porque en Europa as estratexias non teñen definición clara de estratexia a logo prazo, e amais diso, dependen da combinación de líderes de quenda en cada estado e do entendemento entre eles. Hoxe falamos de estratexia cara o leste, porque lle convén aos líderes que estiveron presentes en Praga, onte falouse de estratexia euro-mediterranea porque lle conviña a algúns países coma Francia, e mañá toca unha estratexia noutro lugar por calquera razón que se cole na xenda...Sempre sen cavar fondo. Seguimos cos problemas endémicos de sempre. E a Europa a dúas velocidades non é que non exista, senón que xa tivo una existencia efémera cando se creou a Europa do euro. Agora xa existe unha Europa a non se sabe cantas velocidades; a do euro, a de Schenguen, a Europa dos que están fora de Schenguen, a Europa das asociacións económicas e estratéxicas... e as Europas que virán. Ninguén ten claro que quere de Europa senón os cartos. A mellor definición de Europa é unha asociación con ánimo de lucro, sen liderado, e vivindo nun xogo de suma cero para ver quen colle o mellor anaco da tarta. A crise económica e financeira, vai agudizar esa sensación amarga, que ven dende o fracaso da constitución europea, á espera do que pase cos reiterados referendos irlandeses. En definitiva, vai sendo hora de revisar postulados. En primeiro lugar, sen entrar no tema do liderado e da representatividade democrática das institucións, temos que ver a realidade do uso dos fondos estruturais e de cohesión, así como das axudas económicas na periferia europea, porque se ve que o crecemento de España, por poñer un exemplo, foi en certa medida ficticio ao igual que en Europa do leste. Unha gran parte do crecemento destes anos é de tipo especulativo. E na política exterior da Unión as cousas non se fan con intelixencia e visión de futuro, senón por intereses particulares dalgún membros. E dicir, Europa sempre aparece dividida, sen unha soa voz, movéndose por intereses primarios e con atraso. Pero, sobre todo, temos que cavar fondo na integración máis que en novas adhesións abertas ou encubertas. A Europa sen cabeza, en tódolos sentidos, nunca existirá por moito que nos enganemos.
|
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 15/05/2009
|
||||||||
|
||||||||