Acción exterior Volver a TitularesVolver a Acción exterior
A acción exterior: A modo de conclusión
Tino Santiago (Xornal de Galicia, 23/02/2009)

Versión en PDFVersión para imprimir

 

  Os 27 países da Unión Europea sobre o Globo terrestre; clic para aumentar
Se cremos que os programas son a base das políticas futuras, para PP, PSdeG ou BNG a existencia da Unión, como debe ser, que límites debe ter, escapa á reflexión electoral. [Foto: Os 27 países da Unión Europea sobre o Globo terrestre].
 
“A modernización e ou cambio social en Galicia non será posible, nin completa, se ignorarmos, desprezamos ou instrumentalizamos a acción exterior con visións a curto prazo”. Así finaliza o manifesto “Ante as eleccións” do IGADI, o principal “think-tank” sobre política internacional de Galicia, pero parece que os partidos non acaban de crerllo. É certo que o peso da Acción Exterior nos programas aumentou pero aínda predomina a “xestión” sobre a “política”. Esta visión parcial ponse especialmente de manifesto cando se aborda a cuestión europea. Non sabemos exactamente como queren os partidos políticos que sexa a Unión. É certo que, nos últimos anos, melloraron o seu diagnóstico da burocracia europea e apuntan nos seus programas valiosas estratexias, algunhas moi sofisticadas, para transitar pola administración comunitaria. Pero parece que os tres consideran a Europa como un feito natural ao que hai que adaptarse.

Se cremos que os programas son a base das políticas futuras, para PP, PSdeG ou BNG a existencia da Unión, como debe ser, que límites debe ter, escapa á reflexión electoral. O profesor Barreiro Rivas, que foi “monaguillo” antes que frade, recordaba fai uns días que “a Galicia moderna aséntase sobre dous puntais: o éxito da Unión Europea e a asignación extraordinaria de fondos de cohesión que gozamos desde 1990. Os dous están en crise: un porque sofre unha grave e incomprensible parálise política e económica, e o outro porque ten data de caducidade inexorable?

Nos programas fálase de Portugal e dáse por suposto que temos unha vantaxe “natural” sobre o resto de España. A realidade é que outras CCAA están sendo capaces de crear novas relacións, máis materiais, que nos fan perder influencia. Primar o método comunitario, o descubrir os campos nos que eles e nós temos algo concreto que gañar, pode facer que poidamos recuperar posicións. Esta mesma formulación é a que se debería estender á Diáspora, que é moito máis que un celeiro de votos ou un problema de servizos sociais. Non se acaba de deseñar un sistema de intereses estables, con persoas e empresas para os que facer negocios con Galicia, ou converternos nun dos seus referentes culturais, é unha opción non un imperativo categórico.

O historiador Timothy Garton Ash asegura que a BBC é un dos mellores activos de Inglaterra no mundo. A BBC fixo da súa independencia dos gobernos e do seu servizo mundial con emisións en 32 idiomas, os seus acenos de identidade. Os nosos medios públicos de comunicación case teñen 25 anos de vida. Xa chegou o momento de conseguir a súa emancipación gobernamental e empezar a levar a Galicia ao mundo. Talvez tamén en inglés, español e portugués.

 
 

Tino Santiago.

 
Volver a TitularesVolver a Acción exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 12/03/2009
Fernando Pol Trigo


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta