| Presenza-Opinión |
||||||||
| Transicións chilenas Roberto Mansilla (igadi.org, 15/12/2009) |
||||||||
A primeira volta das eleccións presidenciais chilenas confirman o ingreso dese país sudamericano no marco das complexidades propias do sistema democrático. Ninguén dubida do éxito da transición chilena, cuxas cimeiras se trazaron tralo plebiscito contra o ex ditador Augusto Pinochet en 1988 e o equilibrio político alcanzado polos gobernos da Concertación a partir de 1990. Tras dúas décadas de transición, Chile afronta un novo momento político, determinado pola elevada posibilidade de que a dereita retorne ao poder coa segunda volta a realizarse o próximo 17 de xaneiro de 2010. Un escenario explicado tras observarse a vitoria na primeira volta do multimillonario empresario Sebastián Piñera, cunha amplísima marxe de distancia con respecto ao seu rival da Concertación, o ex presidente Eduardo Frei. Pode que a fragmentación da esquerda consolidara aínda máis as preferencias electorais da maioría dos chilenos, neste caso a favor de Piñera. Xunto á plataforma centrista da Concertación liderada por Frei, o amplo espectro da esquerda chilena presentou dúas candidaturas máis: a do independente Marco Enríquez-Ominami (quen con 36 anos pode constituírse nunha alternativa a futuro), e a do ex ministro Jorge Arrate, abandeirado do Partido Comunista. Tras quedar fóra na primeira volta, Ominami e Arrate descartaron a posibilidade inmediata de pedir o voto aos seus respectivos electorados a favor de Frei, o cal evidencia estas fracturas dentro da esquerda que, irremediablemente, afectaron ás súas opcións electorais fronte a Piñera. Con estas expectativas, todo apunta a que Piñera se converterá no próximo presidente chileno, perspectiva definida no desbordante optimismo amosado tras coñecerse os resultados desta primeira volta. A nivel hemisférico, este resultado pode confirmar novas tendencias electorais, ante os triunfos da dereita con Ricardo Martinelli en Panamá e de Porfirio Lobo nas polémicas eleccións hondureñas. Así, con Piñera en Chile pode consolidarse esta tendencia política cara a dereita en América Latina para o próximo período hemisférico electoral 2010-2012. Pode igualmente explicarse que as opcións presidenciais de Piñera estiveran marcadas polo seu éxito no reagrupamento da dereita chilena, afirmada ante a evidencia dunha sociedade con claros valores conservadores. Piñera logrou así aglutinar un amplo espectro sociolóxico definido en torno a liberais, democristiáns e figuras políticas que colaboraron coa ditadura pinochetista. O pasado de Piñera tamén xogou o seu papel electoral dentro de diversos sectores da dereita, tomando en conta o seu apoio ao ex ditador no plebiscito de 1988. Paralelamente, a súa inmensa fortuna como máximo accionista da canle televisiva Chilevisión, da liña aérea LanChile e do popular club de fútbol Colo Colo, afírmanlle toda unha serie de resortes de poder cun notable impacto electoral. De certificarse a súa vitoria nunha segunda volta, Piñera gobernará un país estable pero politicamente máis complexo que en 1990. Os elevados logros sociais e económicos dos gobernos da Concertación, parcialmente paralizados ante os sucesivos e fracasados intentos de reforma electoral e política, confirman este éxito da transición chilena, así como o liderado deste país en materia de desenvolvemento humano en América Latina. Pero en diversos sectores critícase que esta estabilidade está medianamente lastrada ante a imposibilidade de reforma institucional, que outorga un cariz máis conservador e non tan democrático. Así, os próximos tempos deberán equilibrar estes logros cos novos desafíos.
|
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 15/12/2009
|
||||||||
|
||||||||