| Presenza-Opinión / Outros |
||||||||
| Tenso equilibrio nuclear Roberto Mansilla Blanco (igadi.org, 28/05/2009) |
||||||||
|
Corea do Norte, Irán, Paquistán...o tema nuclear volve a ser o centro da atención política internacional, aspecto que non só altera as perspectivas xeopolíticas de seguridade senón que manifesta a necesidade de atopar un novo mecanismo de regulación que regule este inexorable proceso de proliferación atómica. O contexto actual luce oportuno precisamente pola dinámica de acontecementos que están xurdindo desde que Barack Obama chegara á Casa Branca. Cumpre así considerar cal será o verdadeiro desenlace do recente desafío nuclear norcoreano, especialmente porque podería implicar o imparable estoupido de graves incidentes para a seguridade global no sueste asiático, involucrando a actores de peso como EEUU, Rusia, China, Xapón e Corea do Sur. O réxime norcoreano pode argumentar razóns de carácter disuasivo para recolocar a súa importancia xeopolítica dentro do actual contexto global, precisamente enmarcada nunha conxuntura que actualmente coloca a Irán como epicentro da atención para Obama, especialmente agora que está a piques de celebrarse un cumio global en Oriente Próximo e eleccións presidenciais en Teherán. A necesidade de reclamar a atención mundial ante un problema ata agora diplomaticamente insoluble na península coreana e no sueste asiático pode ser a razón principal do reto enviado estes días por Pyongyang. Toda vez que os seus recentes exercicios militares con arsenal nuclear e as súas ameazas cara Corea do Sur poden tamén explicarse por diversos factores de poder de índole interno, relativos á situación real dentro do réxime norcoreano entre o “Líder Máximo” Kim Jong-il e o estamento militar. Con Corea do Norte ocupando a atención para o Consello de Seguridade da ONU e das grandes potencias nucleares involucradas, como EEUU, Rusia e China, resta por observar cómo evolucionará o pulso nuclear entre Irán e os organismos internacionais. Paralelo ao desafío lanzado esta semana por Pyongyang, o presidente iraniano Mahmud Ahmadíneyad asegurou, durante un cumio rexional cos seus veciños de Afganistán e Paquistán, que non someterá a negociación internacional o programa nuclear do seu país. Un caso particular é Paquistán, que cobra importancia ante a recente ofensiva talibán neste país centroasiático e as súas implicacións non só para a estabilidade da veciña Afganistán (que, como Irán, tamén celebrará eleccións presidenciais en agosto próximo) senón de toda Asia Central. Obama enfoca a esta rexión como a súa prioridade estratéxica en materia de seguridade Os riscos frecuentemente esgrimidos nos círculos políticos en Washington, así como nos grandes medios de comunicación mundiais, están enfocados na posibilidade de que o avance talibán doutros grupos radicais logren desestabilizar un país con armamento nuclear como Paquistán, apoderándose do seu programa atómico e creando un grave panorama para a seguridade non só rexional senón global, tomando en conta a proximidade doutras potencias nucleares como India e China e doutras a piques de ingresar no “club atómico”, como Irán. Fracasado o Tratado de Non Proliferación Nuclear (TNP) asinado en 1968, o mantemento dun equilibrio atómico global será, probablemente, o reto mais complexo para as potencias mundiais do século XXI, un elemento que Obama deberá tomar con maior decisión, especialmente á hora de establecer alianzas e modelos de regulación e non proliferación. Pero tamén cumpre observar cómo as potencias e organismos mundiais, especialmente EEUU, seguen a afincar un “dobre raseiro” político cara outros países con capacidade nuclear, como é o caso de Israel, desprovisto de sancións e beneficiado por novos acordos militares. Con estas perspectivas, a tensión en torno ao delicado equilibrio nuclear seguirá sendo unha constante, a curto e mediano prazo, para a política internacional. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 10/06/2009
|
||||||||
|
||||||||