| Presenza-Opinión |
||||||||
| O enigma Obama Roberto Mansilla (Xornal de Galicia, 18/01/2009) |
||||||||
|
Se nos centramos nestes aspectos simbólicos de carácter social e racial, Obama achega un auténtico mosaico global: un ex activista social de orixes africanas, cun nome musulmán e infancia nun exótico país como Indonesia, agora convertido na figura política do momento e no presidente da (aínda) nación máis poderosa do planeta. Con 47 anos e unha ascendente carreira política como senador do Partido Demócrata, Obama semella simbolizar unha certa apariencia de alternativa política. Á carga simbólica plasmada no triunfo electoral de Obama o pasado 4 de novembro engádese á realidade (e necesidade) que supón iniciar unha nova era política para EEUU. Con Obama rematarán oficialmente oito anos de agresivo goberno neoconservador de George W. Bush, principalmente en política exterior, e que remata o seu período sumindo a EEUU e o mundo na peor crise económica desde os tempos da Gran Depresión de 1929. Obama deberá incorporar todos estes elementos nunha axenda política que segue a constituír unha incógnita para EEUU e o mundo. En primeiro lugar, no seu propio país, polarizado e desgastado tras case unha década de polémica ideoloxía conservadora e reaccionaria baixo Bush. Obama deberá así temperar un clima político que precisa retomar os canais do consenso en medio dun mar de pesimismo: a finais de 2008, só un 10% dos estadounidenses pensaban que o seu país ía por bo camiño. O consenso que precisan Obama e EEUU vai en dirección directamente proporcional á necesidade de recuperar a imaxe estadounidense no mundo, gravemente danada pola herdanza de Bush. Washington urxe refacer o seu maltreito crédito moral internacional, e velaí a preponderancia e trascendencia de decisións relevantes como o peche de Guantánamo e a aposta por unha diplomacia multilateral, responsabilidade que se personificará na figura de Hillary Clinton como nova secretaria de Estado. Este cúmulo de expectativas en torno a Obama estarán igualmente determinadas polo seu estilo de goberno, do que se agarda unha maior fluídez e apertura. En principio, Obama gozará tanto dunha elevada aceptación popular como do respaldo que supón o dominio do Partido Demócrata en ambas cámaras do Congreso estadounidense, así como en boa parte do Senado. Deste xeito, Obama logrará inicialmente controlar a oposición dun Partido Republicano en horas baixas e en período de reconstrución. Non obstante, manexar as influentes e sectarias clases políticas en Washington supón un duro exercicio para un presidente politicamente inexperto. Sen un programa e filosofía política ben definidos, lidando cunha noción de socialdemocracia de corte liberal, Obama cae no risco de fracasar tanto no aspecto comunicativo como na efectividade da súa acción política. Dentro do actual momento de crise, transmitir unha imaxe ambigua e pouco definida desde a Casa Branca aumentará a confusión e os receos cara Obama. A inestabilidade en Afganistán e Iraq, o complicado taboleiro en Oriente Próximo (con Palestina no centro actual de atención e Irán como posible foco de tensión a mediano prazo) e a febleza da economía estadounidense, suxeita a unha débeda superior aos 10 billóns de dólares e un déficit federal estimado para o 2009 en 1,2 billóns de dólares, son retos ineludibles para un presidente do que se espera unha irreal fórmula de salvación. En todo caso, con Barack Obama na presidencia, EEUU inicia unha era política chea de incerteza e de esperanza. Os recentes escándalos de corrupción no seu entorno, que levaron á renuncia do seu nomeado secretario de Comercio, Bill Richardson, activan unha presión política que aumentará unha vez o novo goberno asuma as súas responsabilidades. Moito se espera de Obama pero pouco se sabe de qué forma afrontará (e reaccionará) ante tan ineludibles e poderosos retos. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 16/01/2009 |
||||||||
|
||||||||