Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Asia/ Asia
A fenda de Afganistán
Por Roberto Mansilla Blanco (A Nosa Terra, 20/03/2009)

Versión en PDFVersión para imprimir

 

  Hamid Karzai; clic para aumentar
Karzai (na foto) e Washington xogan moitas cartas clave nos comicios presidenciais pautados para agosto próximo, tomando en conta o avance e consolidación dos focos territoriais baixo control dos talibáns (escenario que expande o seu radio de actuación na fronteira afgana con Paquistán) así como o posible desencanto da sociedade afgana ante a corrupción e ineficacia do goberno de Karzai, debilitado na lexitimidade social e excesivamente dependente das tropas estranxeiras.
 
Diversos movementos diplomáticos ilustran cómo Afganistán esta a converterse no eixe central da política exterior do presidente estadounidense Barack Obama. A implicación europea, a necesidade de inaugurar unha nova era de relacións con Rusia, o lento pero progresivo retiro militar de Iraq e os acontecementos tanto en Afganistán como en Paquistán, definen en gran medida os parámetros da estratexia afgana do novo goberno na Casa Branca.

As recentes xiras por Asia e Europa da secretaria de Estado Hillary Clinton, do vicepresidente Joseph Biden e do secretario de Defensa Robert Gates trazaron estes canais de achegamento e toma de contacto entre Washington e os seus aliados europeos e asiáticos.

Baixo un contexto internacional diferente, Obama reforza a estratexia afgana concibida polo seu antecesor George W. Bush. A súa visión pode corresponder aos parámetros dunha necesaria estratexia multilateral que, desde diversas perspectivas, tenta moderar os intereses existentes entre as “palomas” e os “falcóns” en Washington.


De París a Moscova

O recente anuncio do presidente francés Nicolás Sarkozy de que o seu país retornaría ao núcleo militar da OTAN, tralo seu retiro en 1966, afincou o achegamento entre Washington e París sobre o papel da OTAN en Afganistán. Francia espera consolidar unha posición clave no proceso de reconstrución e desenvolvemento de Afganistán, probablemente colocándose como o referente europeo para Washington.

Perspectiva similar pódese observar do actual manexo de imperativos xeopolíticos entre Washington e Moscova, que anuncian decisión de gran importancia a mediano prazo, a piques de celebrarse o primeiro cumio entre Obama e o presidente ruso Dmitri Medveded, pautado para comezos de abril en Moscova. Dentro deste cumio se abrirá un camiño de achegamento que permitirá discutir eidos de interese para a seguridade global como o equilibrio nuclear e a renovación dos acordos START I.

Afganistán e as súas claves estratéxicas definen o centro de atención da renovación do pulso global entre EEUU e Rusia. O peche da base militar estadounidense en Kirguizistán, operativa desde 2001, e a disuasión lanzada por Medveded de iniciar un proceso de reforma e reforzamento das forzas armadas rusas ata o 2011, a fin de acometer a expansión da OTAN polo espazo ex soviético, son medidas que poden afectar a estratexia de Obama no país centroasiático.

Non obstante, Moscova restou irritación ao permitir o paso de material estadounidense de reconstrucción civil polo espazo ex soviético cara Afganistán, un xesto que podería anunciar os intereses rusos por participar de forma activa no escenario afgano.

Obama defende o retiro militar estadounidense de Iraq para reforzar a labor a Forza Internacional de Asistencia á Seguridade (ISAF) en Afganistán, baixo o control da OTAN e da ONU. Anunciando o retiro de 12.000 soldados de Iraq para reforzar o envío doutros 17.000 efectivos a Afganistán, así como atar o compromiso militar e económico de países aliados en Europa e o sueste asiático, permitiría a Washington manexar unha forza militar de aproximadamente 85.000 efectivos, destinados a reforzar a autoridade o presidente afgano Hamid Karzai.


O enroque talibán

Precisamente, Karzai e Washington xogan moitas cartas clave nos comicios presidenciais pautados para agosto próximo, tomando en conta o avance e consolidación dos focos territoriais baixo control dos talibáns (escenario que expande o seu radio de actuación na fronteira afgana con Paquistán) así como o posible desencanto da sociedade afgana ante a corrupción e ineficacia do goberno de Karzai, debilitado na lexitimidade social e excesivamente dependente das tropas estranxeiras.

Velaí que Obama afinque unha estratexia de carácter aparentemente mais civil, destinada a fomentar a reconstrución do tecido económico e de infraestruturas do país centroasiatico, na medida de crear unha matriz de opinión pública favorable á presenza internacional en Afganistán e o seu apoio a Karzai.

Con isto, Obama afonda a realización de ataques da aviación militar estadounidenses contra posibles focos talibán en Paquistán, especificamente nas rexións de Baluchistán e Waziristán. Washington observa igualmente con preocupación a posibilidade de que Paquistán se deslice por unha pendente de inestabilidade política e social incontrolable para o goberno de Asif Alí Zardari, xurdido das eleccións presidenciais de 2008.

O deterioro da seguridade nun país con armamento nuclear como Paquistán está complicando tamén a estratexia de Obama cara Afganistán. O goberno de Zardari, marcadamente pro-occidental, vese confrontado por decisións impopulares como a inhabilitación política do seu ex aliado Nawaz Sharif e a posibilidade de alianza cos partidos islamitas, negados a que Zardari afinque os seus contactos con EEUU.

O delicado mosaico tribal, étnico e relixioso paquistaní, do que tamén logran aproveitarse os talibán afganos para entorpecer os plans estadounidenses, pode involucrar a Washington nunha estratexia fracasada en Afganistán, que obrigue a Obama a reforzar a inédita alianza nuclear e xeopolítica entre EEUU e India, inimigo histórico paquistaní, trazada en 2006.


A clave está en Teherán

A urxencia por acabar cos talibán en Afganistán, reforzando así a estratexia antiterrorista deseñada por Bush, e o temor pola inestabilidade paquistaní, son elementos que están posibilitando que Washington lance unha estratexia a varias bandas, a fin de consolidar apoios rexionais desde Oriente Próximo ata Asia Central.

A xira asiática que levou a Clinton por China e Xapón tamén tivo o seu interese en consolidar un consenso sobre a estabilidade en Afganistán. Recolocando á India como aliado estratéxico occidental, a administración de Obama abriu igualmente outros inéditos canais de achegamento en Oriente Próximo, especificamente cara Siria e Irán, que poden posibilitar cambios na xeopolítica rexional.

Damasco recibiu a comezos de marzo a visita dunha delegación diplomática estadounidense que albisca escenarios de posible achegamento entre Siria e EEUU. O pasado 5 de marzo, Clinton enviou unha mensaxe ao presidente iraniano Mahmud Ahmadíneyad, para que Teherán participe nunha conferencia multilateral sobre Afganistán, mensaxe que completou o propio Obama o pasado 19 de marzo, cunha alocución dirixida ao pobo iraniano a fin de posibilitar “un novo comezo” nas suspendidas relacións entre ambos países.

Paralelamente, Londres implicouse na estratexia estadounidense cunha inédita disposición a entablar negociacións co movemento islamita libanés Hizbulah, aliado con Irán e Siria.

Abrir canais indirectos de negociación con Siria e Irán, incluso contando coa cooperación dun aliado como Turquía, suporía para Washington tentar establecer un marco de estabilidade xeopolítica en escenarios delicados como Iraq, Líbano e Palestina, especialmente agora que está por asumir un goberno de ultradereita en Israel, baixo o liderado de Benjamín Netanyahu e do seu futuro ministro de Exteriores Avigdor Lieberman.

Paralelamente, incluír a Irán nun marco multilateral de cooperación permitiría a Washington tentar restar o nivel de conflitividade establecida no pulso nuclear occidental con Teherán, especialmente agora que o país persa realizará eleccións presidenciais en xuño próximo. Aínda que non existe unha total certeza sobre o próximo escenario electoral iraniano, Washington espera a caída electoral de Ahmadíneyad e o regreso ao poder dos reformistas en Teherán.

Rusia, China, Europa, India, Irán...moitos son os actores que Obama tenta incluír dentro da nova estratexia da diplomacia estadounidense, que permite aplicar unha orientación moderadamente mais multilateral que o seu antecesor Bush. Pero as prioridades seguen a ser as mesmas, e aquí a estabilidade e o control de Afganistán aparentemente segue a ocupar o eixe central de prioridades en materia exterior para Washington.

 
 

Roberto Mansilla Blanco,
analista do Igadi.

Roberto Mansilla Blanco, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Asia



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 21/03/2009
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta