| Igadi na Rede / Presenza-Opinión - Un liderado de novo tipo |
| Un liderado de novo tipo Xulio Ríos (AGN, 25/01/2009) |
||||
|
A ruptura con Bush e o seu legado é o dato máis contundente de todos, pero non bastará para convencer da profundidade da súa proposta. Non se trata de regresar a Clinton ou a Kennedy, senón de actualizar, segundo dixo, os alicerces mesmo da nación americana nun mundo novo. Obama dixo estar disposto a asumir o liderado estadounidense no planeta, pero para iso deberá ofrecer un liderado diferente, de novo tipo, receptivo ao parecer dunha opinión pública internacional que respecta o peso da súa economía, pero que condena de forma rotunda os innumerables excesos da política estadounidense. Admitir que a diplomacia e a cooperación, e non a forza e a imposición, é o camiño para afirmar ese liderado é un bo comezo, que agora haberá que confrontar coa práctica. Esa coherencia na defensa das liberdades públicas e do impulso á negociación pode restarlle impopularidade a Washington en máis dun escenario. O peche de Guantánamo, a retirada de Iraq e a promesa dun maior diálogo poderían facilitar o afianzamento das estratexias multilateralistas, as únicas que hoxe poden ser útiles para afrontar os desafíos da sociedade internacional. Pero haberá que ler a letra pequena. O segundo aspecto que se desprende do seu discurso é o peche dunha das eras máis conservadoras da política estadounidense, a que arrancou xa con Reagan, baseada no acurralamento expansivo do poder público, abrindo as cancelas dos espazos comúns a un poder privado depredador e irresponsable. As alusións de Obama ao sistema educativo, aos límites do mercado, apuntan a unha reivindicación necesaria do papel e tutela do poder público. A relación entre o goberno e a economía debera verse afectada establecendo novas regras de xogo. Para ben de todos. |
||||
|
Xulio Ríos, director do Igadi. |
||||
| 24/01/2009 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org | ||||
| http://www.igadi.org/artigos/2009/xr_un_liderado_de_novo_tipo.htm |