| Igadi na Rede / Presenza-Opinión - Presidente Zuma |
| Presidente Zuma Por Xulio Ríos (Xornal, 10/05/2009) |
Jacob Zuma, o presidente sudafricano que onte tomou posesión do cargo, ten pouco en común con Mandela ou Thabo Mbeki, os seus predecesores e artífices da inmensa transformación vivida por Africa do Sul dende 1990, tanto no plano económico como político e social. Pretoria representa hoxe o 19% do PIB africano e todos recoñecen o crucial papel que desempeña no continente, tanto como potencia como modelo. Por outra banda, os piares esenciais da política levada a cabo polo Congreso Nacional Africano (integración da pluralidade étnica, garantías plenas do equilibrio democrático, e loita contra a pobreza), aseguraron, en termos xerais, a estabilidade do país con plena solvencia ante o resto do mundo, aínda a pesar do inesplicable rexeitamento de Mbeki ao consenso científico mundial a propósito da SIDA. Pero Zuma é diferente. E zulú (xhosas eran Mbeki e Mandela), poligamo declarado e con abundantes sombras de implicación en corrupcións varias (Mbeki e Mandela caracterizaronse pola integridade moral e financiera). Non obstante, especialmente dotado para a comunicación, conta cun gran caudal de popularidade, ao que agora deberá sumar mestría suficiente para non deixarse enredar no populismo fácil e estragar o inmenso capital que recibe en herdanza. Poucos dubidan das súas habilidades políticas, labradas dende a proximidade a Mandela (no cárcere, onde aprendeu a ler e escribir) e resultado dunha entrega absoluta á súa formación política durante as tres últimas décadas que, en recompensa, agora confioulle esta comprometida misión. Con Zuma chegará a Pretoria outro estilo, outra forma de facer e de entender a política, pero deberá afrontar os mesmos retos: preservar a cohesión social e étnica, salvagardar a diversidade e fortalecer a vida democrática do seu país asegurando un reforzamento activo da loita contra a pobreza. A maiores, terá que lidar con esa disidencia interna que aínda confía na alargada man da xustiza para retiralo da vida pública. Con Zuma, chega ao seu remate a longa transición sudafricana. Con novas esperanzas e vellas inquietudes. |
|
Xulio Ríos é director do Igadi. |
| 10/05/2009 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org |
| http://www.igadi.org/artigos/2009/xr_presidente_zuma_pr.htm |