Igadi na Rede / Presenza-Opinión - Os límites de Obama
 
 
Os límites de Obama
Xulio Ríos (Xornal de Galicia, 20/01/2009)
 
 

  Hillary Clinton
O epicentro da acción política de Obama garda relación, no conceptual, co abandono do uso da forza como instrumento da política exterior. Hillary Clinton (na foto) deixouno en claro na súa comparecencia ante o Comité de Relacións Exteriores do Senado. Certamente, no seu equipo, como sinalaba David E. Sanger no International Herald Tribune do pasado 2 de decembro, predomina o consenso sobre a necesidade de primar os instrumentos non militares fronte as ameazas non convencionais.
 
Moitas son as esperanzas depositadas en Barack Obama, tanto pola sociedade estadounidense como pola comunidade internacional. Tralos oito anos de mandato de George W. Bush, a demanda dun cambio de rumbo na superpotencia adquiriu dimensións universais ante a desfeita suxerida por unha xestión nefasta en múltiples sentidos. Agora ben, que se pode agardar realmente de Obama? É imaxinable un cambio substancial na política estadounidense? A delicada situación da súa economía urxe medidas que van máis alá do conxuntural e que, en moitos aspectos, deberán consensuarse con outros polos relevantes da economía internacional. Non poderá actuar en solitario, nin tan sequera prescindindo do parecer dalgunhas economías emerxentes. Ese procedemento está en marcha e, como el mesmo dixo, imporá igualmente un maior nivel de intervencionismo do poder público que, en calquera caso, será transitorio tanto pola necesidade de asegurar a complicidade republicana como por convicción. Matices aparte nese debate, a maior novidade podería centrarse nunha nova orientación do social, onde aprema unha autentica revolución que abra outro tempo na concepción do benestar e do papel do poder público na sociedade estadounidense.

Os outros “súbditos” agardamos máis cousas de Obama, en especial, un maior compromiso coa defensa da legalidade internacional e co multilateralismo. Pechar Guantánamo ou encarar as relacións con Cuba eliminando o bloqueo e aceptando un diálogo directo coas súas autoridades serían medidas audaces que irían máis aló do estritamente simbólico. Non obstante, o epicentro da súa acción política garda relación, no conceptual, co abandono do uso da forza como instrumento da política exterior. Hillary Clinton deixouno en claro na súa comparecencia ante o Comité de Relacións Exteriores do Senado. Certamente, no seu equipo, como sinalaba David E. Sanger no International Herald Tribune do pasado 2 de decembro, predomina o consenso sobre a necesidade de primar os instrumentos non militares fronte as ameazas non convencionais. Tanto ela como Obama amosaron, por exemplo, a súa disposición a negociar con Irán cun formato que pode ser bilateral ou multilateral, a imitación do instrumentado por China no diálogo hexagonal a propósito de Corea do Norte.

Non obstante, cómpre ser cautos. A mesma Hillary ten amosado en máis dunha ocasión a súa predisposición a botar man da forza de selo caso e non só como derradeiro recurso. Manter a Robert Gates, nomeado por Bush, como secretario de Defensa, abre a porta ao escepticismo, se ben é moito máis multilateralista e moderado ca o seu predecesor, Donald Rumsfeld. En 2004, Gates copresidiu un grupo de estudo que xa recomendaba tratar directamente con Irán para discutir o seu programa nuclear civil. O conselleiro de seguridade nacional, James Jones, é un próximo, en ideas, a Colin Powell, e se algo destaca na súa biografía recente é o feito de ter sido criticado polas autoridades israelís por consideralo pouco favorable ás súas teses. Claro que en Tel Aviv sempre contarán co aval do xefe de gabinete, Rahm Emanuel, voluntario no exército ás ordes de Ehud Barak cando a guerra do Golfo en 1991, e a quen poucos lle cren as promesas de neutralidade no conflito que dinamita a cada paso a paz en Oriente Medio e no mundo. Por último, con Susan Rice á fronte da representación ante Nacións Unidas semella indicar unha visión menos instrumental e máis cooperadora con este organismo, sempre na picota pola súa parálise cando as tensións medran, enlodada nos vetos duns e doutros.

En suma, a pesar de que no seu equipo conta con figuras procedentes de varias Administracións, con republicanos e demócratas, a orientación básica suxire un relanzamento da política exterior baseado nunha inversión das prioridades e métodos que agora primarían unha diplomacia máis doce e centrista orientada a mellorar a imaxe de Washington no mundo enteiro.

Certo cambio, por outra banda, resulta inevitable ante o evidente fracaso da estratexia seguida por Bush e mesmo devén unha necesidade imperiosa como consecuencia da desfeita económica que obriga a esta nova Administración a explorar outros camiños e tácticas. De ser así, permitirá acentuar a cooperación con outras potencias e relanzar o multilateralismo, confirmando novos pasos na configuración dun mundo multipolar. Por outra banda, o gasto militar estadounidense é insoportable. Hoxe representa máis do 55% dos gastos militares mundiais. Nunha mensaxe recente aos congresistas, Gates reclamaba un aumento orzamentario de 70.000 millóns de dólares para afrontar os retos inmediatos en Afganistán, Iraq e a guerra antiterrorista global. Redistribuír o gasto público resulta indispensable para cumprir as promesas feitas no eido social, e iso afectará ás guerras en curso e aos proxectos que mais tensionaron as relacións con países como Rusia ou coa propia UE, onde moitos Estados recean do programa de defensa antimísiles. En parello, esa estratexia obrigará a Europa, moi especialmente, a asumir maiores compromisos financeiros e de persoal nas accións globais da OTAN.

Pero o principal “límite” de Obama radica no propio obxectivo do cambio que impulsa, é dicir, a restauración do liderado de EEUU no mundo, o que obrigaralle a defender a ultranza, sen máis limitacións que as derivadas das propias carencias, os intereses estadounidenses, con posibilidade de entrar en conflito con outros actores se non se acompaña dun novo enfoque e sinceros esforzos de consenso. Por outra banda, calquera axuste á baixa neste sentido soliviantará aos poderosos lobbies do armamento ou do sector petroleiro moi beneficiados pola política aplicada nos últimos anos.

A realidade, estadounidense e mundial, impón unha nova política. Demostrouse que a forza, mesmo cando é aplicada polo exército máis poderoso do mundo, é inútil fronte a tensións políticas que reclaman solucións de idéntica naturaleza. Aceptar con sabedoría e intelixencia o abandono da agresividade e comezar a respectar os intereses de todos podería acabar por beneficiar os intereses de Washington. Pero iso require unha enorme amplitude de miras e desprenderse da lóxica que imantou as décadas que cimentaron o imperio estadounidense. Ese tempo pasou. E non será doado de aceptar.

 

Xulio Ríos, director do Igadi.

 
 
 
16/01/2009 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org
http://www.igadi.org/artigos/2009/xr_os_limites_de_obama.htm