| Igadi na Rede / Presenza-Opinión - Des-Crédito en Europa do leste |
| Des-Crédito en Europa do leste Xosé Manuel Figueiras (A Nosa Terra, 19/03/2009) |
||||
|
Non obstante, no caldo da crise financeira, e por conseguinte económica, na que se atopa agora o continente, acentúase o proteccionismo daqueles países máis fortes, notablemente Francia e Alemaña, adobando de paso o temor ao esgazamento de Europa do leste, que é o espazo natural de expansión destes países. As chamadas a protexer os empregos da automoción de Sarkozy, ou do ministro de emprego alemán Olaf Scholz, que pretenden manter a produción na casa e vender fóra, non axudan a reflexionar con calma sobre as posibilidades de saída da crise nunhas economías veciñas nas que o rigor dos tempos difíciles aínda non se fixo notar de forma aguda nos seus cidadáns. O temor a unha fractura no continente radica nos investimentos masivos que se levaron a cabo durante os últimos anos no que se deu chamar a Nova Europa, e que nun bienio adoptou os peores patróns de consumo do capitalismo moderno. Máis aló dos investimentos de empresas occidentais en distintos sectores, os bancos de Austria, Italia, e Suecia, prestaron masivamente diñeiro en Europa do leste, e moitos deses créditos fixéronse en euros, o que xunto co investimento xeneralizado dos países occidentais noutras moedas, provocou a perda de valor da moeda nacional e a venda de divisas para mantela. A fortaleza do euro e a caída das moedas locais fai que se baralle a posibilidade de que Islandia non sexa o último estado incapaz de facer fronte aos malos tempos. É máis, o derrube nos países do leste levaría a cuestionar o futuro da Unión Europea, que combinando elementos de proteccionismo co impago dos créditos nestes países nos conduciría ao descrédito total do mercado único, que é un dos poucos fitos parcialmente acabados. Aínda que se fala dos países do leste como unha unidade, cada país na rexión é diferente. Existen tres tipos de países en Europa do leste. Países lonxe da adhesión como Ucraína; o grupo dos países bálticos como Estonia, Letonia e Lituania amais de Bulgaria que teñen a moeda vencellada con tipos de cambio fixo ao euro; e o grupo de países con tipos de cambio flutuante como Polonia, Hungría, Romanía ou a República Checa. E en moitos casos estes países están moi lonxe de reunir os criterios de Maastricht para compartir o espazo euro, e en termos xerais son países pequenos e inestables que crearían un mal precedente se adoptaran o euro creando, segundo apuntan os expertos, certa “falla de credibilidade”. Amais diso trátase dunha idea á que se opoñen frontalmente o Banco Central Europeo e a Comisión Europea. Un grupo particular é o composto de países grandes con tipos de cambio flutuante, como a República Checa, Hungría, Polonia e Romanía, países que aínda non están preparados para a disciplina da moeda única que impide as devaluacións monetarias. Por tanto, a prioridade para estes países é controlar a caída do valor das súas moedas. O zloty polaco perdeu un 28% de valor dende novembro de 2008. A vulnerabilidade de polacos, húngaros e romaneses radica nos empréstitos das compañías e dos particulares en moeda estranxeira chegada a través dos bancos foráneos, que venderon sobre todo euros a tipos de xuro máis competitivos que os ofrecidos na moeda nacional depreciándose o valor destas moedas, o que pode levar á ruína ás empresas e particulares que teñan adquirido créditos en euros cando, por exemplo o zloty, perde valor. Iso sen ter en conta que os investimentos destes bancos que están asentados no leste e que agora poden necesitar repatriar o capital, corren o risco de perdelos, xa que realmente o valor destes investimentos non é outro que o da compañía subsidiaria nos países do leste. Se a isto se lle suma a caída do investimento en tempos difíciles, máis acentuada aínda polo feito de que foron os estados e os mercados máis atractivos para o investimento estranxeiro, e as sempre inacabadas reformas estruturais, compréndese os temores dos inversores internacionais de que a crise os leve por diante e tamén é doado de entender a reunión para que os estados do leste poidan acelerar a chegada dos fondos estruturais. Van todos “ à bout de souffle” que diría Sarkozy, sen alento que diríamos nós. |
||||
|
Xosé Manuel Figueiras, analista colaborador do Igadi. |
||||
| 15/03/2009 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org | ||||
| http://www.igadi.org/artigos/2009/xmf_des-credito_en_europa_do_leste.htm |