| Igadi na Rede / Presenza-Opinión - A acción exterior nos programas electorais: BNG |
| A acción exterior nos programas electorais: BNG Tino Santiago (Xornal de Galicia, 10/02/2009) |
||||
|
A maioría do nacionalismo galego dos anos sesenta, cría que Galicia tiña máis que ver con Alxeria ou Angola que con Alemaña ou Holanda. Ata nos noventa a UE era fonte de todo mal e os líderes nacionalistas máis populares atopábanse máis cómodos no Foro de Río ca en Bruxelas. Que pensa hoxe o BNG? Se nos atemos ao programa electoral de 2009, a sensación é que o debate non terminou pero que se vai impondo, diría Pujol, o sentido común, o “sentidiño”. Desde a perspectiva da Acción Exterior, hai un cambio importante con respecto ao 2005: aparece todo un capítulo (Galiza na esfera internacional) co mesmo rango que as políticas industriais ou a ordenación do territorio. Mágoa que a emigración siga sendo considerada política de benestar, o que desdebuxa o seu potencial como activo da paradiplomacia galega. A pesar disto, úsase con normalidade o concepto “Diáspora” e o retorno xa non é a única meta do emigrante. Curiosamente, dadas as declaracións da precampaña, non hai cambios sobre o dereito a voto (polo menos o “borrador case definitivo” co que traballo) salvo as referencias ás garantías de procedemento. De Europa, nótase o mellor coñecemento dos mecanismos comunitarios –é brillante a análise da PAC– pero falta saber que Unión quere o BNG, cales son as súas prioridades, como e con quen trenzará as súas alianzas. Algo parecido sucede con Portugal e os países lusófonos. Na versión con que traballo, dáse a entender que sería unha prioridade ao mesmo nivel que “a Unión Europea e o Estado español”. Con todo, non hai unha soa cita á “Agrupación europea de Cooperación” coa rexión norte. Como e con quen se traballará? A resposta é urxente. Estremadura demostrou que a acción exterior dá resultados e estase convertendo na porta española de Portugal. A “Fundación Galicia-Europa” aparece como un punto de conflito se se renova a coalición: os nacionalistas quérena disolver e os socialistas fortalecer. A cultura, especialmente os produtos audiovisuais, son un elemento fundamental nas relacións internacionais contemporáneas. O programa para o 2009 do Bloque contén numerosas referencias para a súa promoción exterior pero este esforzo vese lastrado por abandonar a extraordinaria análise sobre o audiovisual incluído no programa de fai 4 anos. Poida que sexa o tributo dos renovadores do BNG: dous pasos adiante, e un para atrás. |
||||
|
Tino Santiago. |
||||
| 19/02/2009 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org | ||||
| http://www.igadi.org/artigos/2009/ts_a_accion_exterior_programas_electorais_bng.htm |