| Igadi na Rede / Presenza-Opinión - A acción exterior: A modo de conclusión |
| A acción exterior: A modo de conclusión Tino Santiago (Xornal de Galicia, 23/02/2009) |
||||
|
Se cremos que os programas son a base das políticas futuras, para PP, PSdeG ou BNG a existencia da Unión, como debe ser, que límites debe ter, escapa á reflexión electoral. O profesor Barreiro Rivas, que foi “monaguillo” antes que frade, recordaba fai uns días que “a Galicia moderna aséntase sobre dous puntais: o éxito da Unión Europea e a asignación extraordinaria de fondos de cohesión que gozamos desde 1990. Os dous están en crise: un porque sofre unha grave e incomprensible parálise política e económica, e o outro porque ten data de caducidade inexorable? Nos programas fálase de Portugal e dáse por suposto que temos unha vantaxe “natural” sobre o resto de España. A realidade é que outras CCAA están sendo capaces de crear novas relacións, máis materiais, que nos fan perder influencia. Primar o método comunitario, o descubrir os campos nos que eles e nós temos algo concreto que gañar, pode facer que poidamos recuperar posicións. Esta mesma formulación é a que se debería estender á Diáspora, que é moito máis que un celeiro de votos ou un problema de servizos sociais. Non se acaba de deseñar un sistema de intereses estables, con persoas e empresas para os que facer negocios con Galicia, ou converternos nun dos seus referentes culturais, é unha opción non un imperativo categórico. O historiador Timothy Garton Ash asegura que a BBC é un dos mellores activos de Inglaterra no mundo. A BBC fixo da súa independencia dos gobernos e do seu servizo mundial con emisións en 32 idiomas, os seus acenos de identidade. Os nosos medios públicos de comunicación case teñen 25 anos de vida. Xa chegou o momento de conseguir a súa emancipación gobernamental e empezar a levar a Galicia ao mundo. Talvez tamén en inglés, español e portugués. |
||||
|
Tino Santiago. |
||||
| 12/03/2009 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org | ||||
| http://www.igadi.org/artigos/2009/ts_a_accion_exterior_a_modo_de_conclusion.htm |