| Igadi na Rede / Presenza-Opinión - Un delicado labirinto para Irán no 2010 |
| Un delicado labirinto para Irán no 2010 Roberto Mansilla Blanco (A Nosa Terra, 31/12/2009) |
O 2010 anuncia unha complexa conxuntura para Irán. A renovación das masivas protestas dos sectores considerados reformistas así como a dureza dunha represión oficial que, segundo fontes occidentais, deixou case unha decena de mortos e centenas de detidos, supón un delicado escenario interno que, con case toda probabilidade, se repetirá no próximo ano. Se o escenario interno é complexo, a tal punto que coloca nun verdadeiro labirinto ao réxime teocrático e as forzas populares que demandan máis cambios e apertura, a conxuntura internacional iraniana non é menos estable. Así, segue a pender como unha ameaza a posibilidade dun ataque militar israelí, con ou sen o consentimento de Washington, contra as instalacións nucleares iranianas. Paralelamente, a Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA) parece persuadida a certificar novas sancións contra Teherán, que poden espallarse ao longo de 2010, desta vez cunha maior benevolencia por parte de tradicionais aliados de Teherán, como é o caso de Rusia. Para finalizar, e como colofón a un escenario de riscos e inestabilidades, nos últimos días apreciase un delicado pulso fronteirizo entre Iraq e Irán polo control de campos petrolíferos, un escenario que obriga a considerar os imperativos que pode ter Washington detrás desta crise. Así, as perspectivas anuncian maiores acontecementos no país persa para o próximo ano. Se ben resulta aínda pouco claro que a presión nas rúas dos sectores reformistas, cos seus líderes Mir-Hossein Musavi e Mehdi Karrubi á cabeza, finalmente certifique o remate do réxime teocrático na república islámica, a prolongación desta crise está socavando cada vez máis a lexitimidade política do presidente Mahmud Ahmadíneyad, quen vese constantemente obrigado a afincarse no gran aiatolá Alí Jamenei e a Garda Republicana Islámica como principais soportes do seu poder. Igual perspectiva pode afrontarse dende o exterior, no caso de que as presións dende a AIEA para dar curso a novas e máis restritivas sancións económicas contra Irán e a renovación da retórica ameazante militar por parte de Israel comecen a configurar un escenario aínda máis candente, que obrigue ao poder en Teherán a pechar filas e, finalmente, desarticular con violencia a protesta reformista. Neste sentido, os líderes reformistas Mossavi e Karrubi corren o risco de finalizar en prisión, o cal potenciaría aínda máis a súa popularidade e a inestabilidade interna. E, no caso de ataques exteriores contra as súas instalacións nucleares, Teherán podería activar unha serie de contraofensivas contra obxectivos israelís e estadounidenses no exterior, así como no Golfo Pérsico. Non obstante, co espectro de maior violencia nas rúas e ameazantes presións exteriores, a alta cúpula dos aiatolás podería igualmente premer ou ben persuadir a Jamenei a desfacerse de Ahmadíneyad, dando curso a un pulso de sectores de poder que debilitaría aínda máis a estrutura política e estatal, socavando así a lexitimidade do réxime teocrático. Independentemente dos escenarios que seguirán e das súas consecuencias, Irán seguirá sendo un protagonista clave no plano internacional do 2010. Resta observar se o país persa está experimentando unha nova revolución ou ben está dando curso a unha inestabilidade interna con graves riscos xeopolíticos para a seguridade en Oriente Próximo e Asia Central. |
|
Roberto Mansilla Blanco, analista do Igadi. |
| 29/12/2009 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org |
| http://www.igadi.org/artigos/2009/rm_un_delicado_labirinto.htm |