| Igadi na Rede / Presenza-Opinión - Merkel e Sócrates en mans dos socios minoritarios |
| Merkel e Sócrates en mans dos socios minoritarios Roberto Mansilla Blanco (A Nosa Terra, 24/09/2009) |
Baixo o prisma das eleccións lexislativas previstas para o próximo 27 de setembro, Alemaña e Portugal definirán o seu futuro político para os próximos catro anos nun momento clave para medir a solidez do proxecto de integración europeísta. A posibilidade real de non alcanzar unha maioría absoluta o próximo 27 de setembro persuadiu a Merkel a acelerar os contactos políticos cos liberais do FDP como posible socio de goberno, que substitúa a incómoda “gran coalición” mantida cos socialistas do SPD desde 2005. Os constantes “cantos de serea” de Merkel ao FDP contrastan cos duros ataques que profire contra o seu principal rival e ex ministro de Asuntos Exteriores, o socialista Franz-Walter Steinmaier, a quen acusa de pretender unha coalición “vermella” con A Esquerda (Die Linke) e Os Verdes. Pola súa banda, as eleccións portuguesas amosan un panorama mais complexo para Sócrates, cunha vantaxe sobre o conservador PSD que semella minorar substancialmente de acordo ás últimas enquisas. A polarización electoral en Portugal moi posiblemente definirá un complexo quebracabezas para o próximo goberno, sumamente dependente das alianzas políticas que certifiquen un determinado nivel de debilidade política. As recentes enquisas estiman que, en caso de gañar sen maioría absoluta, Sócrates verase obrigado a pactar co Bloco de Esquerda (BdE), cuarto ou terceiro partido en discordia, para poder garantir a gobernabilidade ata o 2013. Pero estas opcións non semellan tan seguras, tomando en conta os recentes roces entre Sócrates e o candidato do BdE, Francisco Louça. Igualmente debe observarse con atención a posibilidade de ascenso electoral do Partido Comunista Portugués (CDU-PCP) co seu candidato Jerónimo de Sousa, que pode erixirse como un duro rival parlamentario na próxima lexislatura. Pola súa banda, a candidata conservadora Manuela Ferreira Leite tentará asegurar un posible reponte electoral de última hora centrándose en temas sensibles como a alza da delincuencia e do desemprego. Todo isto sen contar que o PSD manexa claramente con carácter electoralista o asunto das infraestruturas con España e dos investimentos españois en Portugal, cuxo potencial influxo electoral pode ser importante para os conservadores de cara ao 27 de setembro. En caso de pactar para eventualmente poder formar goberno, o PSD moi probablemente mantería unha coalición co CDS-Partido Popular, aínda que as súas opcións electorais son pouco sólidas. De Berlín a Lisboa estase definindo un novo escenario político europeo que influirá en aspectos importantes como a aprobación do polémico Tratado de Lisboa, así como na adopción de medidas eficaces para saír completamente da recesión económica. Con isto, Merkel e Sócrates xóganse mutuamente a reelección, abertamente dependentes dos socios políticos minoritarios para formar futuros gobernos que estarán caracterizados pola polarización.
|
|
Roberto Mansilla Blanco é analista do Igadi. |
| 23/09/2009 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org |
| http://www.igadi.org/artigos/2009/rm_merkel_e_socrates_en_mans_dos_socios_minoritarios.htm |