| Igadi na Rede / Presenza-Opinión - Gaza e a opción turca |
| Gaza e a opción turca Roberto Mansilla Blanco (Xornal de Galicia, 13/01/2009) |
||||
|
Cómpre considerar os estreitos lazos entre Turquía e Israel, con bases históricas na privilexiada relación entre o imperio otomán e a diáspora xudea. En 1949, a república turca foi o primeiro Estado con maioría musulmán en recoñecer ao Estado de Israel. Desde 1996 existe un estratéxico acordo de cooperación militar entre Ankara e Tel Aviv, razón que espallou os receos do mundo árabe cara Turquía, orientada cara Occidente e con escasa presenza diplomática en Oriente Próximo. Paralelamente, o sector turístico é un eido moi importante para ambos países. Non obstante, a agresión militar israelí en Gaza e o sufrimento do pobo palestino, con case un millar de mortos desde mediados de decembro pasado, levantou fortes críticas desde o actual goberno turco de Recep Tayyip Erdogan, do partido islamita AKP. Poucos días antes de iniciarse os bombardeos israelís contra Gaza, en decembro pasado, o primeiro ministro Erdogan estivo en Xerusalén, onde departiu co primeiro ministro israelí Ehud Olmert unha nova rolda de negociacións indirectas con Siria. Nesa reunión, Olmert aparentemente non mencionou a Erdogan ningún tipo de acción militar contra Hamas en Gaza. Unha vez se medira a magnitude das vítimas palestinas provocadas pola invasión militar israelí, Erdogan realizou durante unha visita a Arabia Saudita severas críticas contra Israel, incluso acusando a Olmert de “enganalo”. Desde 2004, a diplomacia turca levaba a cabo, con inesperado éxito, unha audaz diplomacia a dúas bandas con Siria e Israel que estivo a piques de culminar nun histórico acordo de paz entre Damasco e Tel Aviv. Pero a ofensiva israelí sobre Gaza paralizou este moderado acercamento sirio-israelí auspiciado por Turquía. Damasco alberga a representación exterior do partido Hamas, e posúe estreitas conexións co movemento islamita libanés Hizbulá e con Irán. Velaí que a declaración de Babacan premendo a Livni para un cese ao fogo en territorio turco incorpora outras perspectivas para Ankara, un país que ven presenciando fortes manifestacións antiisraelís e pro-palestinas nas últimas semanas. Turquía espera desempeñar un papel diplomático relevante en Oriente Próximo, a fin de apuntalar determinadas perspectivas xeopolíticas de carácter global. O obxectivo turco centraríase na oportunidade de suplantar o tradicional papel diplomático e mediador de países como Exipto, Xordania e Arabia Saudita, supeditados actualmente aos intereses israelís e estadounidenses, cuns gobernos que están desacreditados ante a opinión pública árabe, que clama contra a agresión israelí. Non se debe esquecer que Turquía xoga un papel estratéxico e xeopolítico importante para EEUU e Europa, razón que obrigaría a considerar a posibilidade de que tanto Washington como Bruxelas aprobaran tacitamente este papel mediador turco. Pero as cartas semellan estar mais concentradas nas mans israelís. O propio Olmert chegou estes días a presumir da súa influencia na Casa Branca, ao obrigar a Bush a que EEUU se abstivera na recente votación no Consello de Seguridade da ONU sobre unha resolución para Gaza. Con Israel obsesionada con destruír a Hamas, afondando o sufrimento dos palestinos, resultan limitadas as opcións da diplomacia turca, igualmente determinadas polas prioridades israelís. A pesar disto, a crise de Gaza pode abrir para Turquía unha inédita perspectiva de actuación en Oriente Próximo, especialmente nun momento en que Europa amosa unha incomprensible ausencia de visión diplomática e unha mesquiña compracencia cara Israel, socio europeo dentro da actual estratexia mediterránea debuxada por Nicolás Sarkozy en xullo pasado. |
||||
|
Roberto Mansilla Blanco, analista do Igadi. |
||||
| 14/01/2009 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org | ||||
| http://www.igadi.org/artigos/2009/rm_gaza_e_a_opcion_turca.htm |