Igadi na Rede / Presenza-Opinión - A sedución turca de Obama
 
 
A sedución turca de Obama
Roberto Mansilla (igadi.org, 15/04/2009)
 
 

  Recep Tayip Erdogan e Barack Obama
Durante as súas visitas a Ankara e Istambul, Obama afirmou o tradicional apoio estadounidense para o ingreso turco na UE, asunto que transmite unha forte polarización en Europa. Igualmente, o presidente estadounidense eloxiou o papel turco na OTAN e a iniciativa do seu primeiro ministro Recep Tayip Erdogan, plasmada na Alianza de Civilizacións. [Foto: Recep Tayip Erdogan (esquerda) e Barack Obama na Mezquita Azul, en Istambul o 7 de abril de 2009].
 
Resulta revelador que Barack Obama finalizara a súa xira europea en Turquía, tras unha semana crucial que permitiu medir o seu impulso e dimensión política e mediática nos cumios do G-20 e do 60º aniversario da OTAN.

Durante as súas visitas a Ankara e Istambul, Obama afirmou o tradicional apoio estadounidense para o ingreso turco na UE, asunto que transmite unha forte polarización en Europa. Igualmente, o presidente estadounidense eloxiou o papel turco na OTAN e a iniciativa do seu primeiro ministro Recep Tayip Erdogan, plasmada na Alianza de Civilizacións.

Pero son outras as prioridades para Washington, interesada na estabilidade turca e no seu papel xeopolítico no sistema internacional en construción. Recollendo pautas anteriores da relación entre EEUU e Turquía, Obama observa a este país como eixe estratéxico das prioridades globais estadounidenses, enfocadas en diversos escenarios: OTAN, UE, alianzas no espazo euroasiático, Oriente Próximo, Irán...


Sorteando cambios a futuro

Para isto, corresponde un asunto esencial para Obama asegurarse o apoio da opinión pública turca e do seu establishment político e militar a esta nova estratexia. A pesar de que Washington sempre foi o principal valedor das prioridades xeopolíticas, turcas, Turquía foi un dos países con maiores índices de antiamericanismo trala guerra de Iraq de 2003, mentes Erdogan rexeitou calquera apoio a esta guerra. Polo tanto, remontar este obstáculo significaba así un asunto esencial para Obama.

Erdogan e o gobernante partido islamita AKP tentan tamén enfocar como un logro diplomático este apoio exterior de Obama, especialmente tralos resultados dos últimas eleccións municipais turcas, onde o AKP freou momentánea e moderadamente un imparable ascenso electoral desde que chegara ao poder no 2002.

Sen calendario electoral para os próximos tres anos, Erdogan necesitará aliados parlamentarios, especificamente dos partidos laicos e republicanos, para afrontar unha necesaria reforma constituicional. Se ben amosase politicamente consolidado, o AKP está tamén obrigado a iniciar unha etapa de maior inclusión e consenso cos outros partidos, dentro dun escenario complexo.

A crise económica global pode golpear fortemente a unha economía emerxente como Turquía, afectando así a capacidade de acción de Erdogan e do AKP e, hipoteticamente, fortalecendo as opcións extremistas nacionalistas de dereita, de extrema esquerda e, incluso, do islamismo radical, que poderían dar un xiro político importante para os próximos anos na política turca. EEUU e Europa recean desta posibilidade, aínda que para os detractores europeos da admisión turca significaría unha xustificación mais para pechar as portas a Turquía.


O pivote estratéxico

Declarando en Ankara que “EEUU non está en guerra co Islam”, Obama busca igualmente un golpe de efecto que coloque a Turquía como pivote esencial nas relacións de Washington co mundo árabe e islámico. A diplomacia turca deu notables rendementos na recente aproximación entre Siria e Israel, actualmente desactivada cun novo goberno ultradereitista en Tel Aviv, tanto como pode prover dunha interesante alternativa para consolidar o achegamento de Obama cara Irán.

A posición central turca na OTAN, a pesar das súas críticas contra o actual secretaria xeral da organización transatlántica por non condenar as caricaturas contra o Islam, colocan a este país como un aliado occidental primordial cara outras potencias como Rusia e China. Polo tanto, un inesperado xiro político antioccidental en Turquía, impulsado pola crise económica e o desencanto social, colocaría a este país nunha difícil situación de inestabilidade nunha rexión altamente estratéxica para Occidente.

De igual modo, este inesperado xiro en Turquía colocaría a este país baixo a órbita de interese xeopolítico para Rusia e Irán, espertando aínda mais os temores occidentais. Ankara modera actualmente unha posible apertura con Armenia que modificaría sensiblemente a balanza de poder no Cáucaso. De igual modo que EEUU e Europa, Rusia observa a Turquía como estratéxico paso enerxético e diplomático cara Oriente Próximo.

Velaí as palabras conciliatorias e o apoio de Obama cara as prioridades turcas. Resta por observar cómo, dentro da nova relación transatlántica fraguada no recente cumio da OTAN, Obama logrará convencer a Europa sobre a necesidade da integración turca.

 

Roberto Mansilla Blanco, analista do Igadi.

 
 
 
15/04/2009 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org
http://www.igadi.org/artigos/2009/rm_a_seducion_turca_de_obama.htm