Igadi na Rede / Presenza-Opinión - A Europa da abstención
 
 
A Europa da abstención
Roberto Mansilla Blanco(Xornal de Galicia, 09/06/2009)
 
 

O nivel histórico mais baixo de participación (43,01%) desde que comezaron a celebrarse eleccións parlamentarias europeas en 1979, da a entender o preocupante momento político e social que vive actualmente a Unión Europea, co seu proxecto de unificación.

Esta realidade plasma unha escasa identificación dos cidadáns europeos cara as súas institucións comunitarias, sendo especialmente significativo o caso do Parlamento, o ente politicamente máis reforzado nos últimos anos desde Bruxelas, por concentrar unha enorme capacidade de decisión na vida cotiá dos cidadáns dos 27 países membros da UE.

Resulta igualmente claro que os votantes europeos se identifican mais coas súas respectivas realidades políticas estatais, un elemento decisivo para explicar a evolución do voto rexistrado o pasado domingo 7. Unha Eurocámara con maioría conservadora e de centrodereita supón igualmente un golpe significativo para a socialdemocracia gobernante en varios países europeos, atenazada por unha crise económica que afincou o “voto castigo” nas urnas.

Ademais da marcada bipolarización entre conservadores e socialdemócratas, o próximo Parlamento presenta novos actores que incrementan o nivel de preocupación. A presenza de partidos da extrema dereita (British National Party ou o holandés PVV) reforzan o escepticismo sobre o proxecto europeísta, así como unha percepción popular decidida a tomar medidas draconianas como antídoto para remediar a crise económica, especialmente cara a inmigración.

Este escenario evidencia unha forte crise para a esquerda, moi golpeada polos resultados en Gran Bretaña, Alemaña, Italia, Portugal, Francia e España. Os escándalos internos finalmente non pasaron factura a Silvio Berlusconi pero os salarios dos parlamentarios británicos si amosaron o derrube laborista nas urnas. A vitoria electoral da dereita conservadora, tanto moderada como populista e extremista, explicase tamén pola atomización partidista que, indubidablemente, debilitou á esquerda europea.

Pero o real vencedor foi a abstención e a apatía electoral, síntomas que traducen o fastío dos cidadáns europeos cara o proxecto de integración defendido desde Bruxelas. O próximo Parlamento que lexislará ata o 2014 terá agora un complexo reto político por diante, mentres a UE sumirase, inevitablemente, nunha forte crise existencial.

 

 

Roberto Mansilla Blanco é analista do Igadi.

 
 
 
09/06/2009 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org
http://www.igadi.org/artigos/2009/rm_a_europa_da_abstencion.htm