| Igadi na Rede / Presenza-Opinión - Un golpe baixo do Vaticano |
| Un golpe baixo do Vaticano Fernando Pérez-Barreiro Nolla (A Nosa Terra, 05/11/2009) |
Hai moitos anos que dialogan a igrexa de Roma e a Igrexa de Inglaterra, no marco de iniciativas e organismos ecuménicos. Ese diálogo non é doado, pero até agora viña sendo respeitoso e recoñecedor das diferencias no que se podía. O mes pasado a impacencia do Papa, secundada pola dilixencia do seu sucesor no Santo Oficio, o Cardeal Levada, impulsouno a disparar unha constitución apostólica que abre a porta aos cregos anglicanos que se sintan incómodos coa ordenación das mulleres e outras novedades da disciplina desa igrexa e queran ¨emigrar¨ á romana. Saíndose de todos os precedentes, o Vaticano non informou ao Arcebispo de Canterbury desa medida até a antevéspera. O feito de que a partires de 1688 a Igrexia de Inglaterra convivise cun réxime democrático nunha historia de mutua adaptación foi decisivo para a configuración da democracia no Reino Unido. O proceso de erosión do absolutismo polìtico non bateu, como no continente, coa intolerancia agresiva de Roma. Quen estude e talvez admire o sistema polìtico de Inglaterra non debe descoñecer que ese sistema foise criando como distanciamento do modelo católico-romano de sumisión incondicional á autoridade. Benedicto XVI pensa que a secularización da sociedade pide unha resposta autoritaria, un retroceso á seguridade das conciencias que abdican da autonomía e descansan na autoridade omnímoda e omnipotente. Non faltan ningures espíritus que debecen por esa tranquilidade. O Papa préstase a ofrecerlles un reducto fortificado. Os que se refuxian nele son os menos dispostos á convivencia con ninguén que non pense exactamente o que eles pensan, que é o que lles mandan pensar. Ao mesmo tempo que o Vaticano lles abre as portas aos seguidores de Lefebvre na Sociedade de Pio X, ábrellas tamén aos cregos máis reaccionarios da Igrexa Anglicana. Tanto que pensa deixarlles que sigan casados, a diferencia dos católicos que tiveron que cesar no seu cometido pastoral para poder casar. Non é unha cuestión de sacristías nin debe deixar indeferentes aos que non sexan cristiáns. O autoritarismo romano toca cuestións que afectan a toda a humanidade. Neste caso, dalle azos moi especialmente á misoxinia. |
|
Fernando Pérez-Barreiro Nolla é membro do Consello Asesor do Igadi. |
| 31/10/2009 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org |
| http://www.igadi.org/artigos/2009/fpbn_un_golpe_baixo_do_vaticano.htm |