| Igadi na Rede / Presenza-Opinión - Patáns insubmisos: a historia se repite |
| Patáns insubmisos: a historia se repite Fernando Pérez-Barreiro Nolla(A Nosa Terra, 07/05/2009) |
Un leitor da prensa británica de hoxe atopa cada día, desde hai algún anos, noticias sobre o conflito en Afganistán que podería estar lendo en The Times de 1839 ou de 1880. Outra vez Kandahar, Jalalabad ou Mazar-e-Sharif. Nomes e situacións que non só resultan familiares para os afeizoados á historia militar ou á do Imperio, senón que por veces lembran de onde morreu o abó ou o bisabó do leitor. As chamadas guerras afganas, as de 1839-42 e de 1878-80, están moi presentes aínda na imaxinación popular e na ficción literaria da Gran Bretaña. Aquelas guerras formaban parte do Gran Xogo, o enfrentamento estratéxico entre o Imperio Ruso e o Británico para protección da xoia deste último, que era a India. A fronteira do Noroeste, o Paso do Khyber, da que tanto se fala agora, era decisiva. Hoxe, despois da fatal partición do subcontinente independizado, unha nova entidade, Pakistán, está entre Afganistán e a India. Pero os Patáns descoñecen esa fronteira e hainos en Afganistán e no Pakistán. O Presidente Obama ten nese escenario un dos problemas máis dificeis da súa administración. Hoxe como onte, soldados occidentais apoian un goberno central en Kabul que é impopular e que as tribos ven como boneco do Occidente. Sha Shuja onte ou Hamid Karzai hoxe. Tanto ten. O grupo étnico máis destacado naquelas guerras, e ainda máis na de hoxe, son os Pashtun. Este é o nome fino dos que antes eran chamados máis xeralmente Patáns. O Patán pasou a ser sinónimo de incivil, brutallán, e así sigue sendo en moitas linguas europeas. Ven do nome en hindi, pero carregouse de senso peiorativo. Inxusto, porque esa etnia distingueuse en moitas manifestación culturais. A ela pertencen, despois de todo, o propio presidente Karzai, que viste o seu traxe nacional, e Zalmai Khalilzad, diplomático estadounidense de brillante carreira, culminada no posto de Embaixador dos EE UU nas Nacións Unidas nos días de George W. Bush. Tamén é certo que os Pashtun, é dicir os falantes de Pashto, son unha sólida base dos Talibáns. O que semella unha constante histórica é que os Patáns acaban gañando sempre. A guerra asimétrica de que tanto se fala agora, non era menos asimétrica dous séculos atrás, e aínda pode que fora máis. Pero británicos e rusos acabaron sendo mandados fóra do Afganistán. Agora os Patáns teñen o apoio dos Talibáns e, desde máis atrás, desa multiforme entidade que é Al Qaida. Pero nunha longa perspectiva, que é a que a historia abona, non falta quen pense que todo iso acabará por pasar e que o que quedará serán os afganos, e entre estes, en primeira fila, eses Patáns que dan mostras inesperadas de talento táctico frente aos exércitos máis modernos de cada época. Este século vai sendo o das guerras irregulares, aínda que casos como o de Afganistán amosen que non é iste un concepto tan novo. As fallas tectónicas entre o desenvolvemento dos países e as rexións está na orixe desas guerras. Os resultados iranse vendo na configuración do mundo das próximas xeracións. Non sabemon nen se virá unha transformación, nen ónde nen cómo. Pero polo de agora estamos vendo aínda a repetición de moi vellos modelos. |
|
Fernando Pérez-Barreiro Nolla é membro do Consello Asesor do Igadi. |
| 07/05/2009 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org |
| http://www.igadi.org/artigos/2009/fpbn_patans_insubmisos_a_historia_se_repite.htm |