| Igadi na Rede / Presenza-Opinión - Os prezos da diplomacia |
| Os prezos da diplomacia Fernando Pérez-Barreiro Nolla (A Nosa Terra, 05/02/2009) |
||||
|
Semella claro que o problema máis inmediato de Obama como comandante en xefe non é xa o do Iraq senón o de Afganistán. A estratexia do xeneral Petraeus, que seguramente vai predominar, céntrase nun aumento de forzas polo de agora, semellante ao que en tempos de Bush propiciou unha certa saída de alivio á unha situación con defeitos de nacimento fatais. Non se trata xa de darlle a Afganistán un goberno estábel, se niso se pensou algunha vez. O problema previo, e o máis difícil, é loxístico. Coa situación do Paquistán, que só pode resolver o exército do país, que é políticamente unha incógnita, os Estados Unidos e quen os acompaña non poden depender dese país para facer chegar a Afganistán non só os inmediatos reforzos –que tan traballoso é conseguir– mais tamén o posterior aprovisionamento. As alternativas son custosas e costentas. A principal, unha ruta por Asia Central, dependente do acordo de Rusia. Teóricamente, cabería utilizar o camiño iraní, pero non é moi plausibel. Non se sabe o prezo que pedirá Rusia, imperio resurxente, para prestarse a tal solución. No caso do Irán, hai moito tempo que se sabe de contactos máis ou menos secretos entre Washington e Teheran. Dise incluso que andaba neles, non derradeiros días da administración Bush, o vello Henry Kissinger. Non precisamente como vía de aprovisionamento, pero sí para estabilizar a situación en Iraq, precisa Obama do Irán. Unha certa estabilidade en Mesopotamia é esencial para poder aumentar o continxente estadounidense no Afganistán e reducilo no Iraq, como, ademáis, prometeu facer. Non se pode facer iso ao prezo de propiciar unha maior intervención do Irán shií en Iraq. Pero si vai ser alto o prezo de Moscova para a vía centroasiática, que non pedirá o Irán para non ser incómodo de máis no Iraq? Obama está aprendendo duras leccións de multilateralismo. Prezos que hai que pagar cando se actúa en diplomacia. |
||||
|
Fernando Pérez-Barreiro Nolla é membro do Consello Asesor do Igadi. |
||||
| 05/02/2009 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org | ||||
| http://www.igadi.org/artigos/2009/fpbn_os_prezos_da_diplomacia.htm |