Igadi na Rede / Presenza-Opinión - E se volve a gañar o non irlandés?
 
 
E se volve a gañar o non irlandés?
Andrea García Vidal (igadi.org, 27/07/2009)
 
 

Irlanda aceptou celebrar un segundo referendo sobre o Tratado de Lisboa, igual que ocorreu co Tratado de Niza en 2001, o cal foi aprobado na segunda convocatoria. Ocorrerá co actual tratado o mesmo que ocorrera anteriormente con Niza? As enquisas prognostican que, desta vez, resulta probable a vitoria do si irlandés ao tratado, no referendo previsto para o próximo 2 de outubro.

Compre considerar a conxuntura actual que pode persuadir aos irlandeses a ratificar o Tratado de Lisboa. Quizais as aclaracións que se fixeron dende Bruxelas cara os irlandeses, respecto a que o futuro tratado non afectará ás súas políticas nacionais en materia de aborto, ao seu sistema fiscal nin á súa neutralidade militar, así como a promesa de que Irlanda conservará o seu comisario en Bruxelas, son elementos que poden contribuír a que a maioría dos irlandeses apoien agora a ratificación.

Tamén existen outros factores. Pode que fose a crise actual  na UE a que espertou, repentinamente, o europeísmo entre os irlandeses. Ó ser membro da zona euro foi un factor importante á hora de afrontar a grave situación financeira, pois o Banco Central Europeo inxectoulle liquidez a Dublín, como  fixera con outros países da Unión Ademais, a maioría dos irlandeses cren que a crise económica vai empeorar e un voto positivo ao tratado sería unha mensaxe aos inversores estranxeiros de que Irlanda está totalmente comprometida coa UE.

Se Irlanda ratifica o tratado haberá en Bruxelas un respiro momentáneo, pero se o botan atrás de novo o atasco pode ter consecuencias moi graves. A crise institucional sería moi profunda e a credibilidade da UE veríase aínda máis afectada. Probablemente nin Irlanda nin os Estados Membros contemplan o segundo non irlandés, pero sería necesario preguntarse se existe un “Plan B” en Bruxelas, no caso de triunfo do non irlandés. Sería posible a expulsión de Irlanda da UE?; O adeus ao proxecto europeo?; Unha Europa á carta? A última opción parece á máis probable. Agora mesmo, xa é posible pedi-la carta noutros asuntos e, a curto prazo, moi probablemente resolverían o problema.

A pesar de que da decisión dos irlandeses depende boa parte do futuro da Unión, o documento debe ser ratificado polos demais 27 Estados membros antes de entrar en vigor e, polo momento, ademais de Irlanda, outros países como Alemaña, Polonia e a República Checa non o subscribiron. Alemaña retardou a ratificación ata finais do verán; o presidente de Polonia, Lech Kaczynski, afirmou que ratificará o tratado soamente se antes o aproba Irlanda en referendo e se o Tribunal Constitucional alemán acepta o texto europeo; e na República Checa, o euroescéptico presidente Vaclav Klaus tamén anunciou que só firmará o texto cando o fagan os demais Estados e sempre por detrás de Polonia.

Por outra banda, a UE retomará o debate da ampliación e enfrontárase ao reto de definir cales son os seus límites. Islandia, a rica illa do Atlántico Norte, entrou en bancarrota e viuse obrigada a pedi-lo ingreso na Unión. Trala nacionalización de todo o seu sector bancario, Islandia está a ser un dos países que máis está padecendo coa crise actual e parece que viu unha saída nas portas da UE.

No Parlamento islandés mostráronse grandes divisións e a idea da adhesión aprobouse nunhas votacións moi xustas. A solicitude xa se entregou oficialmente en Estocolmo e, posteriormente, serán consultados nun referendo. Os islandeses temen ver ameazados os seus recursos naturais e parece que a aplicación de cotas europeas á pesca será o principal obstáculo para a súa entrada no club dos 27.

Non obstante, todo parece indicar que a adhesión islandesa á UE podería ser unha das máis rápidas da historia, pois devén para Bruxelas unha posición privilexiada respecto aos países dos Balcáns que figuran na lista de adhesión.

 

 

Andrea Vidal García, licenciada en Tradución e Interpretación, con Máster en Relacións Internacionais, actualmente realiza prácticas no IGADI.

 
 
 
27/07/2009 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org
http://www.igadi.org/artigos/2009/avg_e_se_volve_a_ganhar_ou_non_irlandes.htm