Igadi na Rede / Presenza-Opinión - A nacionalidade española para Aminetu Haidar
 
 
A nacionalidade española para Aminetu Haidar
Antonio Martínez Puñal (Xornal de Galicia, 01/12/2009)
 
 

A actitude de España fronte aos saharauis en materia de nacionalidade constitúe unha mostra máis de desprezo… Ante o ilegal “secuestro de facto” a que está sometida Aminetu Haidar en Lanzarote, xulgamos moi oportuno retomar un vello tema como é o da nacionalidade española dos habitantes do ex-Sahara español. En efecto, producido o acordo de Madrid de 1975 entre España, Marrocos e Mauritania, en contra das posicións da Asamblea Xeral das Nacións Unidas e da Corte Internacional de Xustiza a favor da autodeterminación do Sahara Occidental, os saharauis, os cales tiñan, de acordo co ordenamento xurídico español, a nacionalidade española, unha vez producida a ocupación do seu territorio por Marrocos e Mauritania, víronse, por falla dunha nacionalidade saharaui que resultara operativa (a pesares da proclamación da República Árabe Saharaui Democrática, da sua aceptación na Organización para a Unidade Africana e do seu recoñecemento por un número considerabel de Estados), obrigados a tomar ben a nacionalidade marroquí (ou a de Mauritania até que este país abandonou a parte do territorio que lle fora adxudicada) se permaneceran nos territorios ocupados ben a de Arxelia, país que os acolleu na Hamada arxelina, cando unha gran parte deles tivo que fuxir da guerra desencadeada entre  Marrocos e o Frente Polisario.

A oferta de “concesión graciosa” da nacionalidade española á “secuestrada” Aminetu Haidar, unha mostra máis do cinismo histórico de España en relación co Sahara

A situación que acabamos de describir é un dos efectos colateráis da “cesión da administración” do Sahara a Marrocos e Mauritania, iñorando España as suas obrigas, de acordo co Dereito Internacional, en relación coa descolonización de aquela “provincia”. A este proceso “imposición” pola forza das armas dunha nacionalidade allea aos saharauis acabaría de “poñerlle o candado” o Estado Español, denominación ésta de tronío na dictadura franquista, cando, o 10 de agosto de 1976, foi aprobado o Real Decreto 2258/1976, de 10 de agosto, que no seu artigo 1 daba a posibilidade aos saharauis de “optar” pola nacionalidade española, no prazo dun ano, comparecendo ante o Xuiz encarregado do Rexistro Civil do lugar da sua residencia en España ou aos consulados españois (art. 2).
           
Por medio de este Decreto España desposeeu da nacionalidade pola vía dos feitos a quen até ese momento eran –e, entendo, que son actualmente españois de orixe--, dado que de non comparecer ante un xuiz español –algo que sendo en si mesmo un tratamento desigual en relación co resto dos españois, era, polo demáis imposibel ante, por unha banda, a escasez tradicional de xulgados, no Sahara (un territorio de máis de 262.000 km cadrados con unha poboación eminentemente nómada), a sua inexistencia real nun Sahara “administrativamente” xa marroquí (e mauritano) e a situación de fuxida obrigada da maior parte da poboación saharaui. Estábamos claramente ante un decreto que crebaba certeirmente un arraigado principio xurídico, ainda que non sempre respetado como vemos, como o de que “Nadie está obrigado ao imposibel” (ad imposibilia nemo tenetur). Na práctica o Decreto soio era posíbel para os saharauis residentes en España ou no extranxeiro (obviamente, non existía no 1976, nen agora mesmo, consulado de España no El Aaiún).
           
A idea da “concesión graciosa” da nacionalidade española a Aminetu Haidar (que non valoramos políticamente) sería, ainda que legal, outra chocallada xurídica máis de Moratinos… Así as cousas, o Decreto de 1976, de opción dos saharauis á nacionalidade española, constituía meramente unha “pantalla” para poñer fin a unha situación como é a da ilegal actuación  española en relación co Sahara que se xa “cheiraba” no contexto da dictadura, agora nun marco que se acariña todos os días facendo da democracia santo e seña, fede a prea  descomposta óllese por onde se olle. ¡Qué vergoña¡ En materia de descolonizaión xa “non nos queda nin Portugal”. Até este país soupo descolonizar as suas colonias millor que España, e eso que pasou por unha experiencia até certo ponto semellante: a ocupación militar do territorio da hoxe República do Timor Leste por Indonesia.
           

Todos os saharauis e os seus decendentes deberían poder recuperar unha nacionalidade española da que foron despoxados. Cando menos, España debería de outorgar o estatuto de apatridia a aqueles saharauis que o soliciten cos conseguintes dereitos

Pero é que ademáis, para acreditados xuristas españois, o citado Decreto de 1976 debe ser considerado nulo, amén do xa dito da imposibilidade, por varias outras razóns: así, por unha banda, por atentar contra o Código Civil de España (Ley, con rango superior ao Decreto en cuestión), particularmente contra os arts. 22 e 23 que estabelecían que soio podía  perderse a nacionalidade española, básicamente, por adquisición voluntaria de otra nacionalidade, por sanción ou no suposto de que a muller contraera matrimonio con un extranxeiro e, pola outra, por opoñerse á Constitución española do 1978, xa que, estando ante “situacións non esgotadas”, procedería aquí unha aplicación retroactiva de ésta, máis ainda por estarmos diante dun asunto que atenta contra o dereito fundamental da nacionalidade. Polo demáis, xurídicamente falando, non debería resultar inocua unha actitude como a de España que, cando interesaba, presentaba, nun contexto mundial de descolonización o Sahara Español como unha provincia española máis representada por seis “procuradores” nas Cortes do Reino, tal como se cansaban de amosarnos nos cines os NODOS franquistas. Os saharauis, inclusivel, participaron, a finais do 1966, como o resto dos españois, no referendum para a Lei Orgánica do Estado. Ante eses feitos non é admisible a posición posterior de España en relación coa descolonización saharaui. Convén lembrar esquí a doctrina que impide ir contra os actos propios refrexada no principio de “venire contra factum propium non valet et non licet”.

O que compre é un deber de “recoñecer” a nacionalidad española aos saharuis… Así as cousas, todos os saharauis e os seus descendentes deberían poder recuperar, coas conseguintes consecuencias por un funcionamento indebido da administración e cos mínimos trámites burocráticos posibes,  se así o desexaran, no terreo dos feitos, unha nacionalidade española da que foron inxusta e ilícitamente despoxados, excepción feita dos que quixeran desprenderse dela voluntariamente. Cando menos, España, de non aceptar a tese que sostemos, debería de otorgar o estatuto de apátrida a aqueles saharauis que o soliciten, cos conseguintes dereitos de residencia e reagrupación familiar. Asunto aparte, sería a necesidade de unha debida e ponderada regulación dos distintos aspectos do fenómeno da sucesión de Estados entre o Estado do Reino  España e o Estado da República Árabe Saharaui Democrática, entre eles este da nacionalidade e o das reparacións debidas ante a incursión en responsabilidade internacional por España en relación con todo o referente á sua abortada, polo de agora, descolonización. Pero para elo haberá que esperar por unha República Árabe Saharaui Democrática plena…; responsabilidade internacional da que deberá responder o seu agresor e xenocida: Marrocos.

 

Antonio Martínez Puñal,
é catedrático e profesor na USC e membro do Consello Reitor do IGADI

 
 
 
11/12/2009 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org
http://www.igadi.org/artigos/2009/amp_a_nacionalidade_espanhola_para_aminetu_haidar.htm