| Igadi na Rede / Presenza-Opinión - A folga de fame da saharauí Aminatu Haidar |
| A folga de fame da saharauí Aminatu Haidar Antonio Martínez Puñal (Xornal de Galicia, 26/11/2009) |
O Parlamento galego expresou hoxe, por acordo unánime dos seus tres grupos parlamentarios, o seu firme apoio á causa saharauí, demandando asimesmo o respecto aos dereitos humanos nos territorios ocupados, así como a liberación de todos os presos políticos e a restitución de todos os dereitos da activista Aminatu Haidar. Aínda que tarde e arrastras, mellor vale tarde que nunca unha toma de posición sobre o particular. Con todo, penso que unha espera aos dez días da folga de fame de Haidar para un pronunciamento institucional é demasiado tempo. Ao meu modo de ver, levo días dándolle voltas a que, polo menos a nivel de forza política o BNG tiña que pronunciarse antes. Se non o fixo, non me cabe a menor dúbida que non foi por estar á espera da resolución aprobada hoxe, despois dos pronunciamentos do Goberno canario e do Parlamento navarro. A súa falla de reflexos neste asunto como noutros a nivel internacional entendo que son, en boa medida, un síntoma das limitacións do BNG no eido orgánico-internacional. A súa despreocupación neste nivel é notoria máis aló das retóricas tomas de posición a nivel interno, con motivo das súas asembleas nacionais, nos seus documentos de traballo e relatorios aprobados. Salvados os esporádicos posicionamentos sobre cuestións internacionais, máis ben de índole europeo cando os hai, a falla de mensaxe e de proxección do Bloque, en canto ás súas propostas internacionais, na sociedade galega resulta manifesta. Para mostra un último botón. Magnífica ocasión perdida neste senso, polo demais, a habida este fin de semana pasado para pronunciarse sobre o tema saharauí, con motivo da Asemblea constitutiva de Máis BNG. Por outra banda, se o tradicional esquencemento, coa excepción illada de Izquierda Unida, da manifestación activa da súa solidariedade e apoio ao dereito de autodeterminación do pobo saharauí resulta vergoñoso nas outras forzas políticas no caso do BNG, un partido nacionalista (obsérvese que digo partido e non fronte porque xuridicamente no Rexistro de Partidos Políticos o BNG fai máis de quince anos que xa é un partido político) unha posición máis activa sobre o particular amósase aínda máis inexplicábel. Inclusive en plena campaña para as eleccións europeas o seu portavoz nacional, Guillerme Vázquez, logo de varios mitins facendo alusión aos dereitos do pobo palestino, ¡por fin!, alumeado non se sabe por quen, acordouse na segunda semana de campaña de pasar a citar ao pobo saharauí. O silencio do BNG durante dez días resulta aínda máis incomprensíbel se cabe cando a principios de outubro pasado a deputada Teresa Táboas asistiu, en Nova York, como convidada á sesión do Comité de Descolonización das Nacións Unidas na que foi tratado o asunto da autodeterminación do Sáhara.
|
Antonio Martínez Puñal, |
| 26/11/2009 (c) Igadi, Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, www.igadi.org |
| http://www.igadi.org/artigos/2009/amp_a_folga_de_fame_da_saharaui_aminatu_haidar.htm |