| Presenza-Opinión / Oriente Medio |
||||||||
| A crise global Moncho Iglesias Míguez (Tempos dixital, 19/01/2009) |
||||||||
|
Dentro, nos campos de batalla, aínda sobreviven persoas; unha humanidade que alguén definiu como humanamente monstruosa; unha humanidade froito da mestura do odio e do racismo co fundamentalismo relixioso e o fascismo secular; unha humanidade que logo devén en chispas que pronto se converten en bombas e atentados contra a convivencia pacífica. E é entón cando os xogadores de cartas e fumadores de xixa pasan a ser as primeiras liñas do protocolo a asinar con rúbricas de fósforo. Fóra, dirixindo os mandos da loita polo poder, cita previa ás eleccións hebreas do próximo mes, aliméntase unha batalla que non só busca vencedores no terreo, senón tamén nas furnas. Amais, as acusacións entre uns partidos e outros, as subas e baixas en estimación de voto, e a atención mediática afastan outras realidades da presenza exterior: o conflito dentro do quebracabezas cultural do que se compón Israel, ou o silencio, cómplice do medo a represalias, en Cisxordania. Observando a batalla de mísiles, acusacións e cesamentos do fogo; afastada da guerra cruenta que destrúe os cimentos de moitas vidas; líbrase outra loita, na que o sangue son regueiros de imaxes. A diferenza é que, nese intercambio de foguetes de luz –flashes–, algúns caseiros, outros profesionais, seméntase odio. O odio, nalgúns casos sementado dende a distancia da comodidade, noutros dende a proximidade de paredes que baten e quebran, só abre gretas, fisuras que só se poderán encher con doses inxentes de amnesia. Dende a distancia do terreo, achegada só por medio de prismáticos, a arrogancia senta sobre cadeiras de luxo, e elixe os ingredientes e as fórmulas que poñan remedio á morte prematura, unha morte provocada con premeditación e aleivosía. Por iso, un cese na guerra; un descanso estudado, días antes de que palidezan as últimas coartadas e de que desaparezan as alianzas é unha aposta firme de cara á consolidación da supremacía do vencedor, que non negocia, senón que decide as actuacións e condena o inimigo a acatalas ou atacalas. E sendo así, entón saberá da condena que lle espera. Namentres, as rúas énchense de sangue e funerais; as bágoas tamén foron exterminadas, unha vez máis. E outra vez máis, tentando berrar contra a pobreza, a mesquindade, a tristura, a desgraza e a morte; tamén hai quen dispara balas que feren as palabras. Entón, só queda a rabia e o odio, a guerra interior e o masacre da alma. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 21/01/2009 |
||||||||
|
||||||||