| Presenza-Opinión |
||||
| Piratas Fernando Pérez-Barreiro Nolla (A Nosa Terra, 08/01/2009) |
||||
|
Esquecemos moito que a maior parte do comercio mundial se sigue facendo por mar. As transacións serán tan rápidas como se queira para mover diñeiro e, como hoxe sabemos e padecemos, cheas de engano e ilusións interesadas e cultivadas ata que a borbulla estoupa. Pero as mercadorías siguen indo por mar. A capacidade de interromper ou dificultar esa circulación fai dos piratas actores no mundo internacional. O Direito tenta configuralos como delicuentes da comunidade internacional, pero a facareña realidade desa utopía amósase no cativo que é o poder de combatilos. Voltan nese cadro, despois de máis dun século, as ideas do almirante estadounidense Mahan, que tantos tiñan arrumbado xa na cesta do lixo ou pouco menos. A influencia do poder marítimo na historia foi o tema da súa obra capital. E inspirou a carreira de construcción e armamento navais que precedeu e propiciou a primeira guerra mundial, a de 1914. Pero agora hai outro factor que non estaba moi presente nas teorías de Mahan, porque non facía falta para explicar o que ele quería explicar. Ese outro eixo que contribúe a situar o problema da seguridade dos mares é que, no mundo de hoxe, non pode haber hexemonías nin superpotencias sin a capacidade de proxectar poder en escearios moi lonxe do seu centro polìtico e nin siquer limítrofes con ele. Para esa proxeción non abonda nin a aviación desde bases en terra nin as armas “sofisticadas”. Iso aprendímolo neste século tan novo aínda, e debe darlles malas noites a Donald Rumsfeld e outros. Non é que os piratas podan interrumpir o transporte de tropa tan doadamente como o de mercadorías. A alarma dos estados non vai por aí. O que están dando é un motivo aos estados para despregar forzas navais no taboeiro mundial. Por iso están asegurando con tanta rapidez a súa presenza nas costas de Somalia os candidatos a superpotencias do mundo multipolar. A máis recente, a China, que non esconde, en declaracións oficiais, que con iso quérese apresentar no mundo do poder naval, que para ese país é unha novedade. Fala tamén de que é unha boa oportunidade de aprendizaxe, o que é moi certo. Os piratas abriron, sin querelo, una feira e exposición de potencias navais. Val a pena observala para albiscar a forma do mundo que se aveciña. |
||||
|
Fernando Pérez-Barreiro Nolla é membro do Consello Asesor do Igadi. |
||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 05/01/2009 |
||||
|