| Presenza-Opinión / África |
||||||||
| Aspiracións angolanas Fernando Pérez-Barreiro Nolla (A Nosa Terra, 04/06/2009) |
||||||||
|
Nos deseños imperiais de Portugal, estaba destiñada Angola a ocupar todo o largo leste-oeste do centro do continente africano, nunha faixa que habería de darlle duplo litoral, o que aínda ten no Atlántico e o do que hoxe Mozambique no Índico. Unha faixa continua de lingua portuguesa entre Sudáfrica e o resto do Continente. Non durou moito ese sono, tronzado por outro máis forte: o de Cecil Rhodes que trazaba unha liña norte-sur do Imperio Británico. Sendo Rhodes gobernador en África do Sur, criáronse as dúas Rhodesias que, para esquecer o seu nome de orixe, chámanse hoxe Zambia e Zimbabwe. Desde a independencia, en 1975, Angola viveu unha guerra civil aínda non ben concluida e aínda moi presente no dano das infraestructuras do país. Dúas forzas desa guerra explícanse moi ben no contexto da Guerra Fria. Son o MPLA e o FNLA, cuios apoios foron moi flutuantes naquel período. A maior parte do tempo, a Unión Soviética apoiaba o MPLA, baseado na capital, Luanda, e o Occidente o FNLA, radicado na poboación dos Bakongo, aínda que as alianzas mudaron e non faltou apoio soviético aos Bakongo, asentados nas principais rexións petroleiras. A terceira forza, UNITA, e a máis singular e a que máis ten que ver có tema de hoxe. Na UNITA estivo sempre interesada a República Sudafricana, por parecerlle a millor garantía de protección do extremo sul do continente contra o comunismo. Asasinado o líder da UNITA, Jonas Savimbi, en 2002, e xa reducida moito antes a resistencia da FNLA, o goberno do MPLA en Luanda, sobrevivente desa longa e tráxica loita, puido comezar a recuperarse internamente e a situarse na escea internacional da África de hoxe. Ten ainda que asegurarse da lealdade das rexións A posición xeostratéxica de Angola é moi favorabel para o comercio das dúas grandes riquezas do seu territorio: os diamantes e o petróleo. O petróleo é, con moita diferenza, a primeira desas riquezas. A costa atlántica de Angola oferece saída sin estrangulamentos dese producto ao mercado mundial e, a diferencia de Nixeria, non existen no país rebeldes que críen trastornos. A cuestión da multipolaridade do mundo ou, máis exactamente, a do reparto das hexemonías, volve a poñer a África no fito dos aspirantes a esas hexemonías. China arriscou moito nas tratativas con Nixeria, hai agora un ano, para o desenvolvimento de xacimentos nese país. Non hai que esquecer que o seu grande investimento no petróleo do Sudán é aínda máis problemático que este de Nixeria. Rusia non esqueceu de todo as súas relacións con Angola e mantén alí actividade de intelixencia moi intensa e moi dirixida ás explotacións diamantíferas. Nese marco hai que ver a visita que fixo este maio que acaba de rematar o Ministro de Relacións Exteriores de Angola, Assunção dos Anjos, a Washington, onde conversou con Hilary Clinton e asinou có Representante para o Comercio, Ronald Kirk, un Acordo Xeral de Comercio e Investimentos, importantísimo polo que avisa das relaciones entre os dous países. Talvez esteamos vendo o trazado dos perfís dunha rede de estados sub-hexemónicos no Sul da África. En todo caso, está aberto o xogo dos intereses das grandes potencias, e Angola sitúase na primeira liña dese xogo, no que o principal parceiro e contrincante ao mesmo tempo é a República Sudafricana. Eses dous países teñen que manter una relación moi delicada que lles permita vixilarse de perto en materia de petróleo e diamantes. O presidente Zuma non demorará en visitar Angola, e Luanda necesita tecnoloxía diamantífera sudafricana, pois a súa técnica nesas actividades é moi primitiva aínda. |
||||||||
Fernando Pérez-Barreiro Nolla é membro do Consello Rector do IGADI. |
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 17/06/2009
|
||||||||
|
||||||||