Presenza-Opinión / Rusia Volver a TitularesVolver a Presenza/Rusia
Inseguridades e certezas rusas
Fernando Pérez-Barreiro Nolla (A Nosa Terra, 03/12/2009)
Versión para imprimir
 

Sábese de sempre que Rusia, na súa vastedade territorial,  non é defendibel en termos militares.  O clima foina salvando sempre de invasións desencadeadas no Oeste, pero esa sorte non abalou a crenza na verdade xeopolìtica fundamental de que a continuidade da chaeira xermánica septentrional abre camiño limpo á invasión. A xeopolítica propriamente dita perde vixencia como concepto, ata chegar a usarse o termo como equivalente de ¨política internacional ou mundial¨, pero explica a presenza continua desa debilidade na mentalidade estratéxica rusa. Xa era así na Rusia dos zares, e seguiu sendo na Unión Soviética e na Federación de Rusia de hoxe.
 
A reforma das volumosas forzas armadas rusas na época postsoviética, sobre todo despois da desastrosa campaña en Afganistán, é unha historia tortuosa e interesante. Intensificouse este ano, con trazas de profesionalización e reducción do número de soldados do Exército de Terra.
 
O máis doado para Rusia é a alternativa de non ter que empregar esas forzas de tan incerta eficacia. Xa abonda coas campañas no Cáucaso, que son outra constante xeopolítica. Daí a importancia de xogar a carta da enerxía, o terreo en que Rusia ten enorme forza.  Gazprom, en constante expansión e crecente obedencia ao Kremlin, é un arma equivalente ás forzas armadas.
 
A dependencia enérxetica de Rusia dos países de Europa é preocupación constante da Unión Europea. Fálase  de cote nos medios de que Rusia non pode garantir a continuidade de suministro. Apreséntanse como exemplo as interrupcións do abastecimento de gas natural que resultan do conflicto ruso-ucraniano. Hai que levar en conta que por Ucrania pasa o 80 % aproximadamente do gas ruso a camiño de Europa.
 
A Unión Europea preferiría o chamado proxecto Nabuco, que traería o gas natural do Caspio ou de países do Oriente Próximo pasando por Turquía e evitando Rusia e Ucrania.  Sin falar de que unha dependencia de Turquía non é moi desexabel, as cuestións técnicas de costo e duración das obras tornan pouco viable ese proxecto tan querido de Bruxelas.
 
Rusia ten dúas propostas para manter a súa posición sin depender do paso por Ucrania. Unha é gasoducto chamado do North Stream, que levaría o gas por conducto submarino directamente de Rusia a Alemania, e outro, o chamado South Stream que, polo Mar Negro, Bulgaria e Grecia, remataría en Italia.
 
O proxecto North Stream é ben visto polo goberno alemán. O ex-chanceler Gerhard Schröder, está no Consello de Administración da empresa do proxecto. Máis unha vez reaparece a gravitación rusa de Alemania.  E a República Federal oferece, sen dúbida, maiores garantías de estabilidade que Ucrania.
 
No caso do South Stream, Italia depende tanto como Alemania do gas ruso.  Rusia sabe que non ten maiores medios de presión enerxética sobrer Francia, que se podería opor ao proxecto e tender ao Nabuco. Podería facer iso porque ten un sector nuclear moi desenvolvido como abastecedor de enerxía.  Nesa situación resulta importante que, despois da recente visita de Putin a Sarkozy,  Francia se manifestase favorábel ao proxecto do Sur.  Putin conseguiu o que quería con medios económicos tais como a promesa de comprar un portahelicópteros do tipo francés Mistral, por valor de 600 millón de dólares, investimentos da Renault na Avtovaz rusa e outros.
 
Semella craro o éxito desa operación de Putin, que supón insertar un guillo na fronte enerxética europea e fortalece  a presencia rusa nun espacio decisivo para a súa seguridade.

 
 

Fernando Pérez-Barreiro Nolla é membro do Consello Asesor do Igadi.

 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Rusia



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 01/12/2009


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

 

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta