Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa/ Europa
A pesca, un asunto estratéxico na política internacional
Adrián Moreno Cidrás (igadi.org, 08/01/2010)

Versión para imprimir

 

Co secuestro do atuneiro Alakrana lembrouse á opinión pública que a política pesqueira tamén pertence ao ámbito das relacións exteriores e do plano internacional. Coa obrigada e visible implicación do Ministerio de Asuntos de Exteriores e do Ministerio de Defensa na xestión do problema ratificouse aínda mais esta idea. Xunto ao debate parlamentario e mediático que suscitou o secuestro, púxose novamente sobre a mesa que a pesca en augas non comunitarias é un asunto de profundo calado no plano da análise da política internacional.

E reverte máis na forma deste traxe se analizamos o seu contexto. E é que as capturas de peixe no Oceáno Índico de Francia e España foron as únicas capturas feitas por países membros da Unión Europea que incrementáronse nas distintas rexións onde se pesca a través do mundo no período que vai dende 1990 ate 2004. En vista destes intereses, Francia e España teñen despregadas na zona varios buques da Armada, no caso español, baixo a operación Atalanta.

Con España como potencia mundial neste subsector da economía, e sendo Galicia a
comunidade que máis contribue ao mentado estatus (sendo ela mesma por si soa
considerada coma potencia mundial), a pesca cobra un estatus de factor decisivo á hora de negociar estes asuntos no eido internacional.

Coa presidencia europea de España, Zapatero enfróntase ao reto de ter que desenvolver en todos os seus ámbitos o Tratado de Lisboa. En moitos aspectos, dito tratado ten o obxetivo de simplificar a lexislación europea en diversos sectores esenciais. Un deles é a pesca que, por outra banda, ten que integrarse na nova Política Marítima Integrada.
Neste último ano, a Unión Europea ven recoñendo en diversos documentos oficiais o seu fracaso en tres rechamantes liñas en materia de pesca: na reducción da explotación de diversas poboacións de peixes, en materia de xestión do seu control e, finalmente, a dependencia das importacións das que últimamente estamos acaecendo aínda sendo potencias mundiais no sector.

A reducción da explotación de diversas poboacións de peixes

A pesca europea baséase na actualidade na captura de peixes novos e pequenos que
extráense maioritariamente antes de que poidan reproducirse; este é o caso, por exemplo, do 93 % do bacallao que captúrase no Mar do Norte. Este panorama global rexistra considerables variacións en función das distintas rexións mariñas e especies. Non obstante, as actividades pesqueiras europeas están erosionando os seus propios
fundamentos ecolóxicos e económicos.

As poboacións de peixes europeas estiveron sobreexplotadas durante décadas e as
frotas pesqueiras seguen sendo excesívamente grandes en comparación cos recursos
dispoñibles. A necesidade da conservación de poboacións de peixe por mor do perigo de desaparición de numerosas especies das que somos tradicionalmente consumidores e a necesidade do control para a reducción, obrigou á Unión Europea a crear nos últimos 20 anos diversos mecanismos normativos baixo o paraugas dos tratados da ONU para reducir esta depredación. Non obstante, a UE atopouse con que a solución da problemática non só depende dela, senón que é un asunto de transcendencia internacional. Por iso, aínda creando estes mecanismos (tales como os TAC ou Totais Admisíbeis de Capturas, ou RMS, ou Rendemento Máximo Sostible, ou os recentemente aprobados carnet por puntos para barcos), ven apostando cada vez máis nas Organizacións Rexionais de Pesca (ORPs), facendo unha clara e obrigada aposta polos Acordos acadados no seo destas en aras de cumprir coas súas obrigas declaradas de pesca sostible e, por tanto, de conservación destas especies.

O seu fracaso en materia de xestión do seu control

A UE acaba de implantar aínda a súa estructura física en materia de xestión do control da pesca que fora xa prevista no Libro Verde sobre a Pesca do 2002. A Axencia Europea de Control da Pesca Comunitaria comezou a súa andaina no 2008, e ten previsto uns poucos anos máis como fase de despegue. Neste senso, este é o organismo competente para levar a cabo coordinacións do control de diversas normativas e Estados membros que só dende hai apenas un par de anos se veñen aprobando no seo das institucións europeas no referente a control de buques, as súas actividades e os seus medios.

Non obstante, a Comisión tamén puxo en letra que existe un fracaso mais que visible no asunto do control, por un lado, pola ineficacia da implantación das políticas desenroladas en clave interna que atópanse baixo o paraugas das prescripcións da Organización para a Agricultura e a Alimentación (FAO, nas súas siglas en inglés) e, por outro lado, pola incapacidade global de coordinar o control no marco das relacións con países terceiros.
Neste campo, tamén fai un claro apoio ás ORPs e os Acordos tomados no seu seo para saír do paso á problemática global.

A dependencia das importacións

Incribelmente, aínda sendo potencia pesqueira, nas institucións da UE vense denunciando co comezo de século o feito de que existe un paradoxal crecemento das
importacións cara os países da UE debido á crecente demanda e a decrecente extracción do peixe, e esto é salientable inclusive para o caso de España. Non obstante, este feito, si ben preocupa, non está en desacordo cos principios da economía mundial que se proclaman nos tratados da Unión.

Como sinalábamo, só na rexión marítima pesqueira do Océano Índico incrementouse as capturas da flota da UE (95 % de España e Francia no período que vai de 1990 ate 2004). Non obstante, no resto de fontes pesqueiras do mundo, inclusive os tradicionais caladoiros, diminuiu a extracción do peixe por parte dos países da Unión en claro favorecemento de Noruega e terceiros estados que comezan a súa andaina nas capturas internacionais ou simplesmente xa non conceden licencias para faenar nas súas Zonas Económicas Exclusivas para explotalas eles mesmos. Aínda que preocupante, todo lícito e lexítimo perante a normativa internacional.

Panorama: os deberes de presidencia española en relación á pesca

A presidencia española da Unión ten como tarefa asignada darlle saída a estes problemas. Tras un debate plantexado oficialmente dentro da UE no transcurso do 2009, xa quedaron implantados os tempos límite de toma de decisións destes asuntos
pesqueiros da Unión que non poderán transpasar a fronteira temporal do semestre español. Asi que, e xa que este é un asunto vital para Galicia como potencia pesqueira,
cómprenos non perder de vista o desenvolvemento da toma de decisións destes tres problemas no panorama do bombardeo mediático centrado na saída da crise económica no marco da Unión prevista na axenda política do presidente Zapatero que se presupón farán os medios en relación á presidencia española.

 
 

Adrián Moreno Cidrás,
licenciado en Ciencias Políticas pola USC e ten realizado prácticas no IGADI.

 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Europa



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/01/2010


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta