Presenza-Opinión Volver a TitularesVolver a Presenza/Asia/ Asia
Xapón en África
Xulio Ríos (ECO, xullo/2008)
 
 

  IV Conferencia Internacional sobre o Desenvolvemento de África; clic para aumentar
Nesta IV Conferencia Internacional sobre o Desenvolvemento de África participaron máis do dobre de países que concorreron á edición anterior, celebrada hai cinco anos. Tokio avanzou o seu respaldo a África para solucionar os problemas ambientais, modificando a súa anterior política que establecía unha reducción gradual da súa axuda externa despois de ser o primeiro donante neste continente nos anos 90 do pasado século.
 
Xapón aspira a recuperar o tempo perdido en África propiciando cuantiosos investimentos e axudas, que deberían traducirse nun maior respaldo deste continente á estratexia de afianzamento da súa influencia política no escenario global. Na IV Conferencia Internacional sobre o Desenvolvemento de África, celebrada a finais de maio en Yokohama, o primeiro ministro Yasuo Fukuda, anunciou que o seu país outorgará aos países africanos préstamos a longo prazo e de baixo interese por valor duns 4.000 millóns de dólares e duplicará as súas axudas ao continente antes de 2012 ata chegar aos 1.900 millóns de dólares. Ademais, nos próximos cinco anos, destinaranse 2.500 millóns de dólares a apoiar financeiramente ás empresas xaponesas que busquen oportunidades de investimento en países africanos.

Nesta IV Conferencia participaron máis do dobre de países que concorreron á edición anterior, celebrada hai cinco anos. Tokio avanzou o seu respaldo a África para solucionar os problemas ambientais, modificando a súa anterior política que establecía unha reducción gradual da súa axuda externa despois de ser o primeiro donante neste continente nos anos 90 do pasado século. A ofensiva diplomática nipona completouse coa invitación cursada a sete países africanos para asistir en calidade de convidados ao cumio do G-8 a celebrar neste mes de xullo en Hokkaido.

O acercamento a África de Xapón ten como obxectivo esencial neutralizar a influencia de China e India, cada vez máis presentes na zona. O Foro China-África, celebrado en Pequín en 2006, e o primeiro cumio India-África, celebrado en abril deste ano, premían no goberno xaponés, acusado pola oposición e os expertos de falta de visión e de escasa perseveranza, actitudes que redundaban na escaseza de melloras substancias no medre da súa influencia e no subseguinte incremento das vantaxes dos seus competidores.

Ao igual que para o resto de países do mundo desenvolvido, para Xapón, o atractivo de África radica nos seus recursos naturais e, sobre todo, no petróleo. Un 85 por cento do subministro xaponés de cru provén da convulsa rexión de Oriente Medio e precisa diversificar as súas fontes, especialmente en áreas de maior estabilidade. Por outra banda, os votos deste continente son de especial importancia para avalar a súa ambición de converterse en membro permanente do Consello de Seguridade da ONU.

A rede de intereses que alentan estas iniciativas, escasamente pensadas en función dos intereses africanos (aínda que isto non impida que obteñan beneficios delas), fan dubidar sobre a súa efectividade última. Este sería o momento de priorizar os investimentos naquelas áreas que incidan na consecución dos Obxectivos do Milenio para salvar as desigualdades e desequilibrios que fracturan moitas sociedades africanas. O plan xaponés, como outros plans anteriores doutros países, non vai suficientemente lonxe para incidir nun baremo que é esencial neste continente: a mellora do desenvolvemento humano, sen o cal será difícil acadar un crecemento sostible. Así o denunciaron dende o “Foro da Sociedade Civil”, que por primeira vez reuniuse en paralelo ao cumio. A escasa permeabilidade de ideas entre as organizacións non gobernamentais e as instancias oficiais implicadas nestes plans cuestionan e reducen as expectativas de incidencia efectiva destes paquetes de asistencia.

 
 

Xulio Ríos,
director do Igadi.

Clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a Presenza/Asia



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/06/2008
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta