| Presenza-Opinión |
||||||||
| Volve Berlusconi? Por Xulio Ríos (AGN, 12/02/2008) |
||||||||
|
Atendendo aos datos ofrecidos polas primeiras enquisas, a volta ao pasado, cando menos no nominativo, parece servida. Il Cavaliere, que competirá por quinta vez consecutiva, cos seus habituais aliados (o postfascista Gianfranco Fini, o populista Umberto Bossi e o centrista Pierferdinando Casini), aposta agora por unha imaxe afastada do histrionismo e inflexibilidade que partiu en dous a sociedade italiana. Este “novo” Berlusconi preséntase como campión do diálogo e da política construtiva, capaz de renovar os cimentos da política italiana e limitar os contornos dos enfrontamentos que acabaron por liquidar o goberno de Prodi. Propaganda e fogos de artificio, pois, están asegurados para seducir á cidadanía. Logo veremos, como na veciña Francia de Sarkozy, se hai algo máis e de que se trata. Sexa quen sexa, o gañador deberá impulsar a reforma da lei electoral. A vixente normativa, votada durante o mandato de Berlusconi uns meses antes das lexislativas de abril de 2006, favorece a entrada no parlamento dos pequenos partidos (co limiar do 2 por cento), agravando a crónica inestabilidade. Prodi debía negociar coas 13 formacións que apoiaban a súa coalición de centro esquerda. Veltroni, que se presenta por primeira vez e liderando a nova formación impulsada por Prodi, elixido como candidato a través dunhas primarias inéditas en Italia, ten un remontada difícil. En calquera caso, a liquidación da fórmula do Olivo, que durante quince anos viu librando as grandes batallas da política italiana, abre paso a un novo tempo no centro esquerda. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 10/02/2008 |
||||||||
|
||||||||