| Presenza-Opinión / Rusia |
||||||||
| Rusia responde a Occidente Xulio Ríos (La Voz de Galicia, 13/08/2008) |
||||||||
|
Esas tendencias son inseparables da polémica polo incremento dos lazos militares con Venezuela trala recente visita de Chávez a Moscova ou a aprobación dun novo documento sobre a política exterior rusa, sancionado hai escasas semanas polo presidente Medvedev. Todas elas presentan un mesmo denominador común: a progresiva concreción de respostas fronte ao que definen en Moscova como aumento da presión militar e política estadounidense sobre Rusia. Os altos mandos rusos, irritados polo plan estadounidense de construír en Europa o citado sistema de defensa, unha medida que Washington considera necesaria para evitar posibles ataques de países “malvados” como Irán, suxeriron incluso que Rusia debería utilizar a Cuba como estación para que os seus bombardeiros nucleares puideran repostar carburante, o que en Washington foi rapidamente cualificado de atravesar esa “liña vermella” que para o Pentágono non parece existir na periferia rusa. Unha delegación moscovita de moi alto nivel visitou La Habana recentemente e especúlase xa coa posibilidade de retomar o uso da estación de radar de Lourdes, construída preto da capital cubana en 1964 e pechada en decembro de 2001, un enclave que permitía aos militares rusos detectar submarinos estadounidenses en calquera punto do hemisferio occidental ou espiar conversas telefónicas e mensaxes electrónicas na maior parte do territorio de EEUU. Rusia, que se “inventou” unha guerra con Chechenia para impedir a súa independencia e condenou a secesión de Cosova que Occidente estimulou, dificilmente secundará a desintegración territorial efectiva de Xeorxia pese a coquetear con ela e aproveitar o conflito para reforzar o statu quo previo ao inicio das hostilidades. O seu obxectivo inmediato é defenestrar a Shaakashvili e situar en Tblisi un goberno máis afín, certo, pero tamén forzar unha negociación con Occidente da que poida obter compensacións noutros dominios dunha axenda na que salienta un notable desentendemento estratéxico. Os xeorxianos levarán a peor parte deste cínico tirapuxa. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 20/08/2008 |
||||||||
|
||||||||