| Presenza-Opinión / Rusia |
||||||||
| Os desafíos de Medvedev Por Xulio Ríos (Xornal, 04/03/2008) |
||||||||
|
A participación foi do 69,1% (fronte ao 64,3% do 2004 e ao 63,78% dos comicios lexislativos do pasado decembro). Mesmo segundo o presidente da comisión electoral, Vladimir Churov, en sete entidades federativas o índice de participación superou o 90%, entre elas, Chechenia, Daguestán, e outras. O índice de participación é un dato especialmente relevante porque o transcurso da campaña electoral, coa opción de Medvedev sen posible alternativa, invitaba ao desánimo e a abstención, que o propio Putin intentou atallar con chamamentos á participación. Igual de sorprendentes son os índices de participación nalgunhas repúblicas caucásicas onde sigue latente o conflito con Moscova. Segundo a delegación de observadores da Organización de Cooperación de Xangai, as eleccións foron “lexítimas, libres e transparentes”. Outro tanto aseguraron os delegados dos países da CEI. A Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa dixo que os resultados reflicten a vontade dos electores pero non o seu potencial democrático, asegurando que se reproduciron as mesmas deficiencias de episodios anteriores, poñendo en cuestión o grado de liberdade destes comicios. A partir de agora, dous centros de poder afloran na política rusa. E os dous claramente ubicados na esfera executiva. Putin e Medvedev aseguran compartir o mesmo proxecto político, pero a experiencia indica que as desavenencias entre ambos son posibles. A primeira fronte de Medvedev será a economía, que nos anos de Putin experimentou un crecemento rápido e estable, pero que presenta como característica esencial a extrema dependencia das exportacións de enerxía e de armamento fronte a unha moi reducida capacidade de innovación e exportación doutros produtos. No eido político, a corrupción xeralizada, a escasa independencia do poder xudicial ou a inhibición democrática son claros síntomas da parálise que gangrena a vida rusa. No social, a xeración de maiores posibilidades para que a cidadanía rusa poida acceder a unhas mínimas cotas de dignidade e benestar constitúe un dos retos substanciais, asentando as tímidas melloras dos últimos anos e reducindo as abismais desigualdades. En materia de política exterior, a fronte máis delicada é a xestión das relacións con Occidente (escudo antimísiles, Cosova, prezo do gas, ampliación da OTAN), e a inestabilidade das relacións con algúns países do seu entorno próximo, nomeadamente Ucraína e Xeorxia. Como plataforma resume do seu mandato, Medvedev afirma querer situar a economía rusa entre as cinco primeiras do mundo nun prazo de 10 ou 15 anos, o que esixirá unha transformación sen precedentes do país. Fantasías aparte, máis ambicioso sería concentrarse na elevación das condicións da depauperada vida da inmensa maioría dos rusos. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 05/03/2008 |
||||||||
|
||||||||