| Acción exterior |
||||||||
| O soft power de Galicia Por Xulio Ríos (AGN, 26/02/2008) |
||||||||
|
Actualmente estase a desenvolver un proxecto de internacionalización, o primeiro, dos nosos espazos culturais. Ir a Cuba á Feira do Libro, non a “cubanizar” a nosa cultura senón a internacionalizala entre as editoras de máis de trinta países presentes, é un acerto nesa estratexia de universalización no que Galicia ten moito que achegar e moito beneficio que tirar. Os diferentes segmentos culturais deben incorporarse a esa estratexia, asentala e rigorizala ao máximo. Non será todo perfecto. Haberá que aprender. Pero ese é o camiño. Carece de sentido que cando damos pasos positivos e firmes nunha determinada dirección en relación co exterior todo se volva un labirinto de acusacións. Debe existir o control parlamentario destas iniciativas, e mesmo debera ser máis estable e permanente do que é, pero fuxamos da escandaleira gratuíta. Urxe establecer un consenso básico en relación á proxección exterior do país para non estragar as oportunidades que presenta. Queimar estas accións, igual que o voto dos emigrantes con manexos pouco éticos, as viaxes presidenciais ao exterior, as misións empresariais, etc., equival a unha deslexitimación dun eixe da acción pública que, en realidade e tristemente, pouco importa a boa parte da nosa sociedade, salvo para que a oposición de quenda poida arremeter contra o contrario e tirar proveito mediático desa circunstancia. Fraco favor nos facemos a nós mesmos cunha actitude tan destrutiva. Acertou Cultura indo á Habana e ogallá ese sexa o comezo de accións concertadas que proxecten ao noso país no mundo como o que é, unha realidade diferente da que podemos e debemos presumir, pois esa diferenza é un dos valores máis atractivos e de maior futuro na sociedade internacional en que vivimos. |
||||||||
|
||||||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 25/02/2008 |
||||||||
|
||||||||